Crónica

Vitoria de desfibrilador para o Monbus Obradoiro

O encontro comezou con imprecisións por parte de ambos equipos, sendo Felipe Dos Anjos o encargado de inaugurar o marcador desde o tiro libre, acompañado dunha rápida acción de Yunio Barrueta (4-0). O ritmo foi medrando co paso dos minutos, e dous triplos consecutivos de Alex Barcello permitiron abrir fenda no marcador (17-9). A solidez defensiva local marcou o tramo final do cuarto, que se pechou con vantaxe para os obradoiristas (26-14).

O segundo período arrincou cunha reacción visitante, que recortou diferenzas ata situarse a cinco puntos (26-21). Tras o tempo morto, o Obradoiro recuperou sensacións e volveu ampliar a vantaxe cun activo Leo Westermann (31-21). Porén, o Estudiantes elevou o seu acerto ofensivo e, desde a liña de tiros libres, volveu achegarse no marcador. A igualdade foi en aumento ata o tramo final do cuarto, onde os madrileños chegaron a colocarse a un só punto (40-39). Nese momento emerxeu a figura de Alex Barcello, que sostivo ao equipo local antes do descanso, ao que se chegou con 45-41.

Tras a reanudación, o encontro entrou nunha fase de máxima igualdade. O Estudiantes logrou empatar o partido mediado o terceiro cuarto (55-55), obrigando ao Monbus Obradoiro a manter a concentración en cada posesión. O intercambio de canastras mantívose ata o final do período, que concluíu cunha mínima vantaxe local tras unha acción de 2+1 de Lotanna Nwogbo (65-64).

O último cuarto comezou con empate (67-67), reflexo da intensidade do duelo. Foi entón cando o Obradoiro deu un paso adiante. Un roubo de Denzel Andersson, finalizado por Dejan Kravic, marcou o inicio dun tramo decisivo no que o equipo, empurrado pola súa afección, logrou abrir diferenzas. A falta de catro minutos, os locais dominaban por oito puntos (81-73), vantaxe que ampliaron ata o +12 no tramo final (86-74).

O encontro concluíu cunha vitoria traballada e de gran valor para o Monbus Obradoiro, que soubo xestionar a presión nos momentos clave e resolver o partido nun último cuarto de alto nivel, mantendo intactas as aspiracións para a recta final da tempada.


Ficha Técnica


89 – Monbus Obradoiro: Tra Holder (0), Denzel Andersson (0), Felipe dos Anjos (13), Leo Westermann (11), Dejan Kravic (10), A. Etxeguren (0), Travis Munnings (3), Yunio Barrueta (10), Diogo Brito (13), Sergi Quintela (8), Alex Barcello (17), Alejandro Galán (4).


79 – Movistar Estudiantes: A. González Pérez (0), C. Barton (0), L. Giovannetti (0), M. Niang (6), S. Salin (9), S. García Calvo (6), J. Granger (5), T. MC Grew (15), H. López Barrantes (1), R. Stumbris (12), L. Nwogbo (13), P. Garino Gullotta (12).


Cuartos: 26-14, 45-41, 65-64, 89-79.


Árbitros: Asier Quintas Álvarez, Jesús Marcos Martinez Prada, Jordi Domingo Vilalta.


Incidencias: Partido correspondente á trixésima segunda xornada da Primeira FEB disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela ante 5.994 espectadores.

Categorías