Noticia

Balidea Obradoiro, campión galego cadete e billete para o Campionato de España

A fase final, organizada polo propio Obradoiro, foi unha auténtica festa do baloncesto base, cun gran ambiente nas bancadas e un alto nivel competitivo sobre a pista.

Na semifinal do sábado, os pupilos de Alberto Estévez impuxéronse ao Café Candelas Ensino por 85-76 nun encontro moi esixente.

O conxunto lucense comezou mellor, impoñendo o seu físico na pintura tanto en defensa como en ataque, o que lle permitiu chegar ao descanso con vantaxe (33-37).

Tras a reanudación, o Ensino chegou a manexar diferenzas de ata oito puntos (44-52), pero o Balidea Obradoiro reaccionou grazas ao seu acerto exterior. Unha xeira de triplas de Mateo cambiou a dinámica do partido e permitiu aos locais pechar o terceiro cuarto por diante no marcador (60-54).

No último período, os santiagueses chegaron a acadar os dez puntos de vantaxe, aínda que o rival non baixou os brazos e mantívose no partido ata situarse a só tres puntos. Porén, o acerto en momentos clave, con triplas de Noé, Gonzalo e Daniel, xunto co dominio físico deste último baixo os aros, permitiu ao Obradoiro pechar o encontro e asegurar o pase á final.

Xa o domingo, cun gran ambiente no Multiusos Fontes do Sar, o Balidea Obradoiro enfrontouse ao Tifón Muebles Novobasket na gran final.

O conxunto visitante comezou máis acertado, tomando a iniciativa con penetracións e lanzamentos exteriores, o que obrigou a Alberto Estévez a solicitar un tempo morto para reorganizar o seu equipo. A reacción local permitiu equilibrar o partido, que se pechou ao final do primeiro cuarto cun axustado 17-18.

No segundo cuarto, o Obradoiro deu un paso adiante, impoñendo o seu ritmo agresivo e vertical. As penetracións de Miguel e o acerto exterior de Álex permitiron abrir unha fenda no marcador, acadando o descanso cunha vantaxe de nove puntos (36-27).

Tras o paso polos vestiarios, os santiagueses continuaron dominando o encontro, apoiados nun gran traballo defensivo e no control do rebote, o que lles permitiu ampliar a diferenza ata os 16 puntos.

No último cuarto, o Novobasket tratou de reengancharse ao partido con dúas triplas consecutivas que reducían a distancia a dez puntos. Non obstante, tras un tempo morto de Alberto, o Balidea Obradoiro soubo xestionar a vantaxe con intelixencia, apoiándose en accións decisivas de Miguel, Pablo e Simón, tanto no rebote ofensivo como no acerto exterior, para selar o triunfo definitivo por 85-74.

Con esta vitoria, o Balidea Obradoiro coróase campión galego cadete por segundo ano consecutivo, confirmando o gran traballo de formación e desenvolvemento do club.

O cadro de xogadores campión estivo formado por Gonzalo García, Fabio Barreiro, Simón Bernal, Vinicius Oliveira, Pablo Alonso, Noé Godón, Miguel Bascoy, Álex Traveso, Mateo Riveiro, Kike Gago, Pablo Fernández, Josué Mangana e Daniel Mangana.

O equipo estivo dirixido polo corpo técnico composto por Alberto Estévez (adestrador), Juan Carracedo (adestrador axudante), Joca García (preparador físico), Julio Santiago (fisioterapeuta) e Nico Vázquez (delegado).

Desde o club quérese felicitar a todos eles polo excelente traballo realizado durante toda a tempada e desexarlles a mellor das sortes no próximo Campionato de España.

Parabéns, campións!

Categorías