Fichaxe

Caleb Agada únese ao Monbus Obradoiro

O Monbus Obradoiro incorpora ao seu cadro de xogadores a Caleb Agada (31 anos e 1,93 metros), un xogador versátil que pode desempeñarse tanto na posición de base como de escolta e que reforzará o xogo exterior do conxunto compostelán.

O exterior canadense, con nacionalidade nixeriana, conta con experiencia no baloncesto español desde a súa chegada ao CB Prat na tempada 2017/18, na daquela LEB Ouro. Posteriormente defendeu durante dúas campañas a camisola do Melilla Ciudad del Deporte, antes de iniciar unha traxectoria internacional que o levou a competir en diferentes ligas.

Durante ese percorrido xogou en Israel, Australia, Letonia, na VTB United League e en Libia, onde se proclamou campión da Basketball Africa League co Al Ahly Tripoli.

A pasada tempada deu o salto á Liga Endesa da man do Hiopos Lleida. Na súa estrea na máxima categoría do baloncesto español disputou os 34 encontros do campionato, cunha media de 7,8 puntos, 2,7 rebotes e 2 asistencias por partido.

A nivel internacional, Agada disputou co combinado africano os Xogos Olímpicos de Toquio 2020 e foi protagonista da histórica vitoria de Nixeria fronte aos Estados Unidos.

Desde o Monbus Obradoiro dámoslle a benvida a Caleb Agada e desexámoslle moitos éxitos nesta nova etapa en Santiago de Compostela.

Destacado