Actualidad

O Monbus Obradoiro estrea o Campus Partido

O Monbus Obradoiro incorpora unha nova actividade vinculada aos días de partido coa posta en marcha do Campus Partido, un espazo dirixido aos máis pequenos que permitirá ás familias gozar dos encontros do equipo cunha alternativa de entretemento para os seus fillos e fillas.

Da man de VermisLAB, os participantes poderán achegarse a diferentes disciplinas a través de obradoiros e dinámicas prácticas relacionadas coa robótica, a programación, o deseño de videoxogos, a ciencia, a arte, os inventos e a impresión 3D. Unha proposta que combina aprendizaxe e diversión, fomentando a curiosidade, a creatividade e a experimentación.

Información e inscricións

A recepción dos participantes comezará 30 minutos antes do inicio do partido. O punto de entrega estará situado no vestíbulo de entrada do pavillón, á dereita, no acceso sinalizado de VermisLAB. A recollida realizarase ao remate do encontro.

A actividade terá lugar na Aula Ximnasio do Multiusos Fontes do Sar, onde os participantes disporán dun espazo propio para desenvolver as diferentes actividades durante a celebración dos encontros.

O prezo é de 19 euros por persoa, cunha tarifa de 18 euros por neno ou nena para as reservas de dúas ou máis prazas. As inscricións contan cun aforo máximo de 30 participantes e asignaranse por orde de reserva e pagamento.

As reservas e toda a información sobre o funcionamento da actividade están dispoñibles na páxina web de VermisLAB: https://www.vermislab.com/campus-partido/

Con esta iniciativa, o Monbus Obradoiro continúa ampliando as experiencias que ofrece á súa afección, incorporando propostas que fan dos días de partido unha oportunidade para gozar do baloncesto e de novas actividades en familia.

Destacado