Crónica

O Obradoiro U22 regresa á senda da vitoria cun triunfo contundente

O partido comezou cun Obradoiro moi intenso en defensa e acertado nas súas primeiras accións, o que lle permitiu tomar a iniciativa no marcador (0-4). Dúas accións preto do aro déronlle a volta ao resultado, pero Malang Badji e Álvaro Soneira volveron situar por diante os composteláns (6-11). Un parcial de 5-0 permitiu aos locais igualar o encontro, aínda que a reacción obradoirista non tardou en chegar. Cun contundente parcial de 0-10, os visitantes recuperaron o control do partido e pecharon o primeiro cuarto cunha vantaxe de dez puntos (13-23).

O dominio do Obradoiro acentuouse no segundo período. A intensidade defensiva dos galegos deixou o conxunto catalán sen anotar durante catro minutos, un escenario que os visitantes aproveitaron para ampliar a súa renda ata os 17 puntos (15-32). Lonxe de conformarse, os de Martín Guerreiro mantiveron o ritmo e seguiron aumentando as diferenzas ante un Manresa con moitas dificultades para atopar o aro. Os locais só sumaron catro puntos en todo o cuarto, mentres o Obradoiro marchaba aos vestiarios cunha cómoda vantaxe de 25 puntos (17-42).

Tras o paso polos vestiarios, o guión non cambiou. O conxunto compostelán mantivo o control do encontro e continuou ampliando a súa vantaxe, que alcanzou os 33 puntos cando apenas transcorreran tres minutos do terceiro cuarto (21-54). Os obradoiristas seguiron amosando a súa superioridade nos dous lados da pista e chegaron a gozar dunha máxima diferenza de 34 puntos a falta dun minuto para finalizar o período (32-66). Sobre a bucina, Pablo Rodríguez elevou aínda máis a renda ata o +36 (34-70).

Malia a ampla vantaxe, o Obradoiro non baixou o ritmo no último cuarto. Martín Guerreiro pediu aos seus manter a intensidade e o equipo respondeu mantendo a fidelidade ao seu plan de xogo. Os composteláns continuaron atopando boas situacións de ataque e ampliaron a diferenza ata acadar os 41 puntos (39-80). Finalmente, o Obradoiro U22 pechou unha gran actuación colectiva cunha contundente vitoria por 48-95, impoñéndose por 47 puntos no Nou Congost.

Un triunfo sólido e convincente que lle permite ao Obradoiro U22 recuperar sensacións e volver celebrar unha vitoria.


Ficha técnica

">

48 – Kids&Us Manresa: M. Rosell Lanza (0), G. Erichsen* (6), A. Moller (2), A. Muncunill Ferrer (10), R. Treserras Comellas (0), G. Ecker Alberti (4), J. Salo Blaya (6), G. Naspler Perez* (5), J. Pumarola Aguilar* (5), R. Vincent Mago* (8), M. Ndiaye (2), S. Lederman Yagoda* (0).


95 – Obradoiro U22: M. Cambón* (14), P. Rodríguez (14), A. Soneira* (8), P. Baddini (14), L. Riga (12), M. González* (4), H. Sánchez (0), M. Rodríguez (2), M. Badji* (13), H. Mateo (4), I. Butenko (5), Y. Rey* (5).


Parciais: 13-23, 17-42 // 34-70, 48-95.


Árbitros: Pol Franquesa Vázquez, Rodrigo Gallego Saldaña e Iván del Baño Millán.


Incidencias: Partido correspondente á oitava xornada da Liga U22, disputado no Pavelló Nou Congost de Manresa.

Destacado