Crónica

O Obradoiro U22 cae ante o Amara Lleida nun final igualado

Tras descansar na quinta xornada, o Obradoiro U22 volvía á competición no Multiusos Fontes do Sar. O encontro comezou cun ritmo anotador baixo, pero cun conxunto local que conseguiu impoñer o seu xogo, deixando o Amara Lleida sen anotar durante máis de catro minutos (6-2). A falta de acerto visitante permitiu aos obradoiristas ampliar a súa vantaxe ata o 14-2, o que obrigou a Borja Comenge a solicitar un tempo morto. Os locais mantiveron o control ata o final do primeiro cuarto, que concluíu cun 16-6.

O segundo período comezou con maior acerto por parte de ambos os equipos. Porén, o Obradoiro atopou dificultades para seguir sumando e o Amara Lleida aproveitouno para recortar distancias ata situarse a só dous puntos (22-20). Martín Guerreiro detivo o encontro e os seus xogadores conseguiron recuperar o control, mantendo a vantaxe. Nos últimos compases, os locais volveron atopar boas sensacións ofensivas e ampliaron a renda ata o 38-29 co que se chegou ao descanso.

Tras o paso polos vestiarios, o Amara Lleida saíu con forza e conseguiu poñerse por diante por primeira vez no encontro en apenas dous minutos (40-41). A partir de aí, o partido estivo marcado pola igualdade, con alternativas no marcador e sen que ningún dos dous conxuntos conseguise distanciarse. Os visitantes chegaron a dispoñer de cinco puntos de vantaxe a falta de trinta segundos, pero Pablo Rodríguez anotou sobre a bucina para deixar o marcador en 53-58 ao remate do terceiro cuarto.

O último período mantivo a mesma dinámica. O Amara Lleida conservou a súa vantaxe ata que dúas canastras consecutivas do Obradoiro devolveron o liderado aos locais (60-58). A reacción visitante non se fixo agardar e os cataláns volveron poñerse por diante (60-65). Cando quedaba un minuto de xogo, os obradoiristas mantiñanse a só dous puntos (63-65), pero o Amara Lleida soubo xestionar a súa vantaxe nos instantes finais para pechar o encontro co definitivo 69-73.


Ficha técnica


69 – Obradoiro U22: M. Cambón* (7), P. Rodríguez (14), A. Soneria* (1), P. Baddini* (10), L. Riga (4), M. González* (3), H. Sánchez (1), M. Badji* (18), H. Mateo (0), M. Riveiro (0), I. Butenko (7).


73 – Amara Lleida: A. Marvá* (10), S. Mestre* (11), M. Ibars* (0), I. Montull (2), E. Galatanu (10), B. Pallas (3), R. Fernández (0), M. Gustran (5), K. Märtenson* (6), B. Sow (7), I. Martos* (19).


Cuartos: 16-6, 38-29 // 53-58, 69-73.


Árbitros: Javier Zaez Ruiz, Alejandro Gómez Luque e Alejandro García Salardon.


Incidencias: Partido correspondente á sexta xornada da Liga U22, disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela.