Actualidad

Os xogadores do Monbus Obradoiro pasan recoñecemento médico no Hospital HM Rosaleda

O Hospital HM Rosaleda acolleu esta mañá a primeira xornada de recoñecementos cardiolóxicos do cadro de xogadores do Monbus Obradoiro con motivo do inicio da pretempada, antesala do regreso do equipo á ACB, despois de dous anos de ausencia. Os estudos enmárcanse no acordo polo que o Grupo HM Hospitales é o provedor médico oficial do club compostelán e que se mantén desde hai máis de quince anos.

Alonso Faure, Brandon Childress, Felipe dos Anjos, Yunio Barrueta, Alejandro Galán, Alex Barcello e Olle Lundqvist foron os primeiros integrantes do primeiro equipo do Monbus Obradoiro en someterse aos recoñecementos cardiolóxicos no Hospital HM Rosaleda, mentres que mañá martes será a quenda de Sergi Quintela e Caleb Agada, quedando á espera da chegada a Santiago do resto dos integrantes do equipo. As exploracións, realizadas polo cardiólogo Antonio Amaro en coordinación co médico do equipo, Jesús Marque, incluíron un electrocardiograma, un ecocardiograma e unha ergometría, ademais dunha analítica completa, estudos fundamentais para avaliar o estado cardiovascular dos deportistas antes do regreso á pista.

A Dra. Gema Castiñeiras, directora médica de HM Hospitales en Santiago de Compostela, subliñou a importancia da prevención e do diagnóstico precoz nos deportistas de elite, "non só para obter o mellor rendemento deportivo, que tamén, senón para evitar posibles consecuencias negativas na práctica deportiva de alta competición, na que os xogadores levan o seu organismo ao límite. En HM Hospitales temos un compromiso profundo co deporte e estamos plenamente convencidos de que este ten que ir sempre da man da saúde. Por iso poñemos á disposición do Monbus Obradoiro os mellores recursos técnicos e profesionais para asegurarnos de que os seus xogadores se atopan en óptimas condicións para a competición nunha categoría tan esixente como é a ACB".

Pola súa banda, Héctor Galán, director xeral do Monbus Obradoiro, explicou a importancia deste acordo de colaboración e de contar con grandes profesionais que supervisan o estado de saúde dos nosos xogadores, "xa son varios anos os que levamos da man de HM Hospitales, tanto á hora de comezar a tempada cos recoñecementos médicos como durante a tempada, cando algún xogador tivo algunha lesión. Ir da man deste gran equipo médico dános tranquilidade non só agora en agosto, senón durante todo o ano".

Destacado