Crónica

O Monbus Obradoiro non puido frear o gran acerto de La Laguna Tenerife

La Laguna Tenerife saltou á pista con intensidade e asinou un bo inicio, limitando o seu rival a dous puntos nos primeiros minutos e situándose cun 8-2 grazas a dous triplos. Os obradoiristas reaccionaron e, con Joel Soriano e Alex Barcello como protagonistas, o Monbus Obradoiro conseguiu darlle a volta ao marcador (8-10). A igualdade mantívose durante boa parte do primeiro cuarto, que concluíu cunha mínima vantaxe local (20-19).

O segundo período comezou cun novo pulo de La Laguna Tenerife. Un triplo de Fitipaldo, dous tiros libres e unha canastra de Kurucs desde a esquina ampliaron a diferenza ata o 28-19. Alejandro Galán abriu a anotación obradoirista neste cuarto e, coas achegas de Caleb e Leo Meindl, autor dun triplo, os visitantes conseguiron achegarse de novo no marcador (28-26). Porén, o conxunto tinerfeño volveu atopar continuidade en ataque e aumentou progresivamente a súa vantaxe ata acadar unha diferenza de 16 puntos antes do descanso (49-33).

Tras o paso polos vestiarios, o Monbus Obradoiro intentou reducir distancias, pero La Laguna Tenerife mantivo o seu ritmo ofensivo e respondeu aos intentos visitantes. A vantaxe local seguiu medrando ata acadar os 24 puntos, o que dificultou as opcións de remontada do conxunto galego. Malia os esforzos obradoiristas por cambiar a dinámica do encontro, os tinerfeños conservaron o control do xogo e pecharon o terceiro cuarto cunha ampla vantaxe (79-50).

Nos últimos dez minutos, o Monbus Obradoiro continuou buscando alternativas para reducir a diferenza, mentres La Laguna Tenerife prolongaba o seu acerto ofensivo. O conxunto local atopou no lanzamento exterior unha das súas principais armas, cun 58 % de acerto nos triplos, e mantivo tamén bos porcentaxes nos tiros de dous puntos. Co partido encamiñado, o equipo tinerfeño afrontou o treito final ante un pavillón entregado aos seus. O encontro concluíu cun 106-76 favorable a La Laguna Tenerife.


Ficha técnica

">

106 – La Laguna Tenerife: K. Guy* (10), J. Fernández (16), W. Van Beck (13), B. Fitipaldo* (11), M. Huertas (14), J. Segui (5), G. Shermadini (4), T. Abromaitis* (10), V. Hunter* (6), H. Alderete* (1), A. Doornekamp (9), A. Kurucs (7).


76 – Monbus Obradoiro: B. Childress* (3), E. Abogidi* (0), C. Agada (6), F. Dos Anjos (1), L. Meindl (19), J. Soriano* (16), Y. Barrueta* (3), D. Brito (5), S. Quintela (4), A. Barcello* (12), A. Faure (0), A. Galán (7).


Cuartos: 20-19, 49-33 // 79-50, 106-76.


Árbitros: Carlos Peruga, Raúl Zamorano e Esperanza Mendoza.


Incidencias: Partido correspondente á quinta xornada da Liga Endesa, disputado no Pavillón de Deportes de Tenerife Santiago Martín, na Lagoa.

Destacado