Noticia

Sexamos autores da nosa nova historia

Baixo o lema "Hai cousas que non valoras ata que as perdes", puxemos en marcha a finais de maio unha campaña de captación de fondos que permitiu a calquera afeccionado realizar un préstamo participativo para axudarnos a regresar ao lugar que nos corresponde: a Liga Endesa.

Cada persoa que achegou o seu gran de area durante estas semanas converteuse nun auténtico Obrad'ouro, tendéndolle a man ao club nun momento clave e demostrando, unha vez máis, que o obradoirismo está máis vivo ca nunca. Co seu apoio, pasaron a formar parte activa deste proxecto, impulsándoo cara ao futuro e axudándonos a construír os próximos capítulos da nosa historia.

En total, rexistráronse 3.829 achegas, unha cifra que reflicte a confianza que existe neste proxecto e o compromiso de quen cre nel.

Queremos agradecer a resposta da nosa afección. Sabemos que a verdadeira forza deste club reside nas persoas que o acompañan cada día. Vós sodes quen nos facedes máis grandes.

Acabamos de escribir unha das páxinas máis importantes da nosa historia co regreso á Liga Endesa. Un logro que permanecerá para sempre na memoria do obradoirismo e que demostra todo o que somos capaces de conseguir cando camiñamos xuntos.

Pero a nosa historia non remata aquí. Temos moito camiño percorrido, pero tamén moito por percorrer.

A Nosa Nova Historia é moito máis ca o lema desta campaña de abonados. É unha invitación a seguir construíndo xuntos o futuro do Monbus Obradoiro sen esquecer o que nos trouxo ata aquí. Porque a nosa historia non comeza agora. É unha historia forxada durante décadas e está escrita por moitas persoas, por todos aqueles que senten ou sentiron o club como seu. E queremos que siga sendo así.

Sexamos autores da nosa nova historia. A que se construirá xornada a xornada, capítulo a capítulo. A que seguiremos escribindo entre todos.

A campaña de abonados estará dividida en dúas fases. A primeira estará destinada ás renovacións dos afeccionados que participaron no préstamo Obrad'ouro e desenvolverase do 10 de xuño ao 7 de xullo. A partir do 8 de xullo abrirase o prazo para novos abonados, independentemente de que participasen ou non na iniciativa Obrad'ouro.

Comeza unha nova tempada. Seguimos escribindo a nosa historia. E queremos escribila contigo.

Categorías