Crónica

O Obradoiro U22 estréase con vitoria (72-80)

Tras un inicio enérxico, o equilibrio romperíase pasados os tres minutos, cando Unicaja acadaba os cinco puntos de diferenza (9-4) e Martín Guerreiro gastaba o seu primeiro tempo morto.

Os malagueños conseguiron ampliar a distancia ata o 19-10, pero o Obradoiro respondeu cun parcial de 2-8 pechado por un Malang Badji fundamental no primeiro período, con 6 puntos e 2 tapóns.

O primeiro cuarto pecharíase co marcador en 22-18.

As primeiras posesións do segundo cuarto anticiparon o paso adiante do Obradoiro, que tras catro minutos se poñía por diante e forzaba o tempo morto rival (25-26).

A continuación chegarían os minutos máis igualados do encontro ata o descanso. Unicaja brillaba desde o perímetro mentres o Obradoiro atopaba os puntos dentro da zona (38-38).

Un intenso inicio da segunda metade mantiña a igualdade, cos locais buscando despegarse, ata que dous triplos consecutivos de Pablo Rodríguez e o talento de Nicola Tomic animaron o tramo final do terceiro período (59-57).

O conxunto compostelán subiu unha marcha e abriu o último cuarto cun parcial de 0-10 que colocou o 59-67 no marcador. Un triplo de Pablo Rodríguez forzaba o tempo morto de Mikel Ereño ante a máxima diferenza da noite para os visitantes.

Unicaja soubo reaccionar cun parcial de 6-0 liderado por Miranda Monteiro, ao que o Obradoiro puxo fin volvendo facerse forte desde a zona (65-71).

Tras o intercambio de canastras e boas accións defensivas, os últimos compases do encontro pecháronse con ambos os equipos anotando desde a liña de tiro libre (72-80).


Ficha técnica

 

72 - Unicaja Alhaurín de la Torre: R. Ikponmwosa (0), L. Miranda (15), J. Cazorla (8), N. Tomic (19), H. Méndez (4), D. Sierra (3), G. Villarejo (8), A. Sytar (0), M. Nimaga (2), A. De la Iglesia (3), M. Martínez (7), D. Villalba (3).

 

80 - Obradoiro: M. Cambón (2), P. Rodríguez (20), Á. Soneira (8), P. Baddini (7), L. Riga (7), M. González (10), H. Sánchez (3), M. Badji (12), H. Díaz (4), H. Mateo (3), I. Butenko (4) e Y. Rey (0).

 

Cuartos: 22-18; 38-38 // 59-57; 72-80

 

Árbitros: José María Arresa Quintero, Óscar Navarro Campas e Francisco Javier Almansa García.

 

Incidencias: Partido correspondente á primeira xornada da Liga U disputado no Polideportivo Municipal Blas (Alhaurín de la Torre).