Crónica

O Monbus Obradoiro e a súa afección conquistan Torrelavega

O encontro comezou cos locais adiantándose no marcador e logrando unha vantaxe de catro puntos (5-1). Os cántabros atopábanse cómodos na casa e, cun gran porcentaxe de acerto, ampliaban a renda ata o +7 (12-5). Ao Monbus Obradoiro tocáballe remar a contracorrente e, cun bo Leo Westermann, lograban achegarse a dous puntos (14-12). Alega Cantabria conseguía manter a súa vantaxe e, malia as acometidas visitantes, non permitía que o partido se igualase (21-18). A menos de tres minutos para rematar o cuarto, Sergi Quintela, desde o tiro libre, poñía por diante aos galegos por primeira vez (21-22). O bo arreón visitante daba os seus froitos, acadando o +5 e obrigando a Lolo Encinas a pedir tempo morto (21-26). O cuarto finalizou con dous tiros libres anotados por Dejan Kravic (21-28).

Diogo Brito e Dejan Kravic abrían o marcador no segundo asalto, establecendo unha máxima de 11 puntos (21-32). O bo facer visitante seguiu dando os seus froitos, permitindo que as diferenzas aumentasen con Yunio Barrueta anotando desde o exterior (24-37). Sería de novo Leo Westermann quen, desde 6,75, obrigaría a Lolo Encinas a parar o partido, aínda que a resposta chegaría con outro triplo de Barrueta (26-42). O +20 chegaría tras un bo palmeo de Alejandro Galán (26-46). O encontro marcharía ao descanso cun resultado moi favorable para os centos de obradoiristas presentes (34-53).

Malia que Alega Cantabria foi o primeiro en anotar no terceiro período, Alejandro Galán respondía cun 2+1. Un moi bo Galán, sumado a un triplo de Yunio Barrueta, obrigaba ao adestrador local a pedir tempo morto pasados dous minutos de xogo (36-61). Cando os cántabros trataban de recortar diferenzas, a resposta galega era contundente, devolvendo unha vantaxe de +25 (41-66). A tres minutos de finalizar o cuarto, os de Lolo Encinas conseguiron baixar dos 20 puntos a diferenza, aínda que Sergi Quintela volvía situar o +20 pouco despois (48-68). Algúns desaxustes do Monbus Obradoiro nos instantes finais do período deixaban o marcador en 56-72.

Nada máis volver ao xogo, os de Torrelavega reduciran a diferenza a 14 puntos, pero Denzel Andersson e Yunio Barrueta devolveron o +18 a falta de oito minutos (59-77). Tras un tramo de escasa anotación, apareceu Felipe dos Anjos machacando o aro para poñer o +20 a seis minutos do final (59-79). A falta de dous minutos e medio, o partido quedaba practicamente visto para sentenza cunha vantaxe de +25 para os composteláns. O encontro finalizou co Monbus Obradoiro levando a vitoria para Santiago (65-95).

O vindeiro venres, ás 21:00, os galegos xogaranse o título de Primeira FEB no Multiusos Fontes do Sar ante Inveready Gipuzkoa.


Ficha Técnica


65 – Grupo Alega Cantabria: D. Love (0), J. Powell (9), C. Taboada Heiskanen (3), D. van Oostrum (0), J. Yu (8), D. Alderete Díaz (6), P. Hernández Montenegro (7), B. de la Llama Ruiz (2), M. Lapornik (15), R. Johnson JR (8), G. Kande Kieli (7).


95 – Monbus Obradoiro: Tra Holder (3), Denzel Andersson (7), Felipe dos Anjos (8), Leo Westermann (11), Dejan Kravic (6), A. Etxeguren (0), Travis Munnings (6), Yunio Barrueta (14), Diogo Brito (5), Sergi Quintela (13), Alex Barcello (9), Alejandro Galán (13).


Cuartos: 21-28, 34-53, 56-72, 65-95.


Árbitros: Paula Lema Parga, Juan P. Morales Gª-Alcaide, Alejandro Aranzana García.


Incidencias: Partido correspondente á trixésimo terceira xornada de Primeira FEB disputada no Pavillón Vicente Trueba de Torrelavega.

Categorías