Noticia

Estreamos “Eu non faltei”, o documental que revive o noso ascenso

O Centro Comercial As Cancelas acolleu o xoves pola tarde a estrea de 'Eu non faltei', o documental que percorre o partido que devolveu ao Monbus Obradoiro á Liga ACB e o papel da afección durante aquela xornada.

A proxección, celebrada en Cinesa As Cancelas, reuniu a afeccionados, representantes institucionais, patrocinadores e membros do club, que puideron revivir os momentos clave do encontro e do ascenso.

A través de imaxes inéditas, testemuños e material gravado durante aquela xornada, o documental reconstrúe o camiño cara ao regreso á máxima categoría do baloncesto español e pon en valor o apoio recibido polo equipo ao longo da tempada.

A cita contou ademais coa presenza de xogadores e staff do primeiro equipo, entre eles Diego Epifanio, Fran Hernández, Alberto Codeso, Leo Westermann, Sergi Quintela, Dejan Kravic, Felipe Dos Anjos e Rubén Domínguez, que compartiron a velada cos asistentes. Ademais, os afeccionados tiveron a oportunidade de fotografarse coa copa que acredita o ascenso á Liga ACB.

Entre as autoridades presentes tamén se atopaban a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; a tenente de alcaldesa, María Rozas; así como outros representantes da corporación municipal.

Con esta estrea, As Cancelas acolleu un encontro que permitiu lembrar unha tempada que culminou co regreso do Obradoiro á ACB e reunir a afeccionados, xogadores, membros do club e institucións arredor dun dos momentos máis destacados da historia do club.

Categorías