Noticia

O Monbus Obradoiro reparte ilusión no Hospital Clínico de Santiago

Os xogadores do conxunto compostelán percorreron a Aula Hospitalaria, a zona de hospitalización pediátrica —que inclúe as áreas de Oncoloxía, lactantes, preescolares e escolares—, a UCI de Pediatría, as consultas externas e o Hospital de Día de Oncoloxía Pediátrica, achegándose a cada pequeno paciente e ás súas familias en cada un destes espazos.

Durante a visita, o equipo compartiu momentos de proximidade e ánimo cos nenos e nenas, intercambiando sorrisos e palabras de apoio co obxectivo de facer máis levadeira a súa estadía hospitalaria e aportar un extra de ilusión nunhas datas tan especiais como as navideñas.

Ademais, o Monbus Obradoiro non acudíu con mans baleiras. Grazas ao apoio de ABANCA, Gadis, As Cancelas, Carrefour, Lambonadas e Chicha Lovers, e coa colaboración da Fundación Andrea, os nenos e nenas ingresados recibiron un pequeno agasallo de mans dos propios xogadores, un xesto que foi recibido con entusiasmo e emoción.

Esta iniciativa solidaria volve poñer de relevo o compromiso social do club, lembrando que hai partidos que se xogan fóra da pista e que, como nesta ocasión, se gañan con corazón, proximidade e garra.

Categorías
Destacado