Noticia

Xogadores do Monbus Obradoiro visitan a Unidade de Diálise de HM La Esperanza

Este xoves, os xogadores Yunio Barrueta, Diogo Brito, Alonso Grela, Alejandro Galán, Aitor Etxeguren e Micah Speight achegáronse a HM La Esperanza en Santiago para vivir unha tarde moi especial xunto cos pacientes da Unidade de Diálise.

Durante a visita, os xogadores percorreron as instalacións, conversaron cos pacientes e leváronlles un detalle obradoirista, ofrecendo proximidade e motivación en cada encontro. O obxectivo foi acompañar a quen pasan varias horas en tratamento, facendolles máis levadeiro o tempo e transmitíndolles unha mensaxe de apoio e ánimo. Tanto o club compostelán como o persoal sanitario destacaron o valor humano deste tipo de iniciativas, que contribúen de maneira significativa ao benestar emocional de quen afrontan tratamentos longos e esixentes.

Con esta acción, o club reafirma o seu compromiso social xunto ao seu provedor médico oficial e a súa convicción de que o deporte ten un valor que vai máis alá da pista: unir, acompañar e dar alegría. “Para nós é un honor poder compartir un intre con persoas que demostran tanta fortaleza a diario. No noso club cremos no verdadeiro valor do deporte: a súa capacidade para unir, acompañar e dar alegría. Estes pequenos xestos teñen un significado enorme e enchéennos de enerxía. Compartir un momento de conversa e proximidade cos pacientes é a nosa maneira de dicirlle que non están sós e que, aínda que esteamos fóra da pista, seguimos xogando un partido moi importante”, sinalaron desde o Monbus Obradoiro.

Desde a dirección de HM Hospitales en Galicia, o Dr. Pablo Asensio subliñou que a humanización asistencial é un eixo prioritario do grupo hospitalario. “Para os nosos pacientes, que pasan varias horas en cada sesión, recibir a visita dun equipo tan querido na nosa cidade supón un impulso emocional moi importante. Agradecemos ao Monbus Obradoiro a súa sensibilidade e a súa disposición para acompañalos”, sinalou o director territorial médico. Na visita tamén estiveron presentes a Dra. María José Ferreiro, especialista en Nefroloxía, e Nerea Lesta, supervisora da Unidade.

Con esta iniciativa, o Monbus Obradoiro continúa reforzando o seu papel activo na comunidade, achegando deporte, solidariedade e proximidade a quen máis o necesitan, e lembrando que cada xesto conta para facer a vida un pouco máis levadeira.

Categorías
Destacado