Noticia

Aberta a inscrición para o Campus Nadal Obradoiro El Corte Inglés 2025.

O campus celebrarase os días 26, 27, 29 e 30 de decembro en distintos pavillóns de Santiago de Compostela, e está dirixido a nenos e nenas nados entre 2008 e 2019. O horario será de 9:30 a 13:30 horas e de 16:00 a 19:00 horas, con opción de comida organizada polo campus entre as 13:30 e as 16:00 horas.

Durante estes días, os participantes traballarán no desenvolvemento técnico individual, a coordinación e o traballo en equipo, ademais de participar en xogos, concursos e actividades especiais que combinan aprendizaxe e diversión nun entorno propio do Nadal.

Os participantes poderán asistir como convidados aos partidos de Primeira FEB do Monbus Obradoiro no Multiusos Fontes do Sar:


  • 16/12/25 ás 20:00 horas fronte ao Caja Rural CB Zamora.
  • 31/01/26 ás 18:30 horas fronte ao Alimerka Oviedo Baloncesto.

Os familiares ou acompañantes poderán beneficiarse de descontos especiais para estas entradas.

Camilo Riveiro, director da Cantera do Obradoiro, explicou que durante o campus haberá sorpresas, como visitas de xogadores do primeiro equipo, o que permitirá aos participantes aprender e gozar dun ambiente nadalizo e deportivo.

Fuencisla Cid, directora de Comunicación de El Corte Inglés en Santiago de Compostela, destacou que “cada ano, o campus incorpora máis talento feminino e chega nun momento especial, no Nadal, para que os nenos poidan gozar destas vacacións dun xeito único. Buscamos transmitir paixón polo deporte e ofrecer un espazo onde poidan desenvolver habilidades sociais e deportivas”.

Héctor Galán, director xeral do Obradoiro CAB, sinalou que “agradece a colaboración de El Corte Inglés durante estes 12 anos consecutivos para tentar conciliar vida, deporte, entretemento e formación. É unha actividade moi gratificante e estamos convencidos de que será un campus con gran afluencia e éxito, onde os nenos gozarán ao máximo”.

Leo Westerman, xogador do club, engadiu que “Santiago é unha cidade de baloncesto. Este campus é incrible para os máis novos, onde poden aprender, gozar e vivir un ambiente deportivo único. Sei o importante que é para os nenos e tamén para nós como xogadores e como pais”.

As inscricións estarán abertas até o 10 de decembro ou até que se esgoten as prazas. As persoas interesadas deben seguir as instrucións do tríptico adxunto ao correo de convocatoria ou contactar co equipo do campus en campus@obradoirocab.com ou no 690 61 88 72.

Destacado