Noticia

MVP Estrella Galicia de novembro: Diogo Brito

Os enfrontamentos ante Alimerka Oviedo, Grupo Ureta Tizona Burgos, Grupo Caesa Seguros FC Cartagena e Fibwi Mallorca en liga, e Lobe Huesca La Magia na Copa España, deixaron tres candidatos propostos pola prensa local para facerse co galardón.

Finalmente, foron os afeccionados, a través das redes sociais, quen elixiron a Diogo Brito como o mellor xogador do mes, cun 40,7 % dos votos. En segundo lugar situouse Alex Barcello, cun 32,25 %, e terceiro foi Leo Westermann, cun 27,05 %.

Na entrega do trofeo no restaurante O Sendeiro, Diogo Brito amosouse moi contento polo recoñecemento, aínda que defendeu que o mérito non é só seu: “Creo que este mes o premio vai para todo o equipo. Estivemos moi ben como equipo e non faltarían xogadores que merecen recibir este premio”.

Respecto ao seu bo rendemento este mes, destacou que o máis importante é “a actitude. Cando vas ben ou cando vas mal, a actitude ten que ser sempre a mesma e logo as cousas boas chegarán. Vexo que cada vez estamos moito máis cómodos, máis dinámicos dentro dos sistemas de Epi, da maneira de xogar, do coñecemento do compañeiro do lado, e iso nótase na cancha, non só polos resultados, senón pola maneira na que xogamos; creo que é moito máis fermosa de ver e iso é o que buscabamos desde o principio”.

Tamén quixo recoñecer o gran apoio que están a recibir por parte da afección, agora que chegan varios partidos seguidos no Sar: “Desde o banco e a cancha notamos moito que a afección está con nós, que apoia e que quere ver ao club gañar. Nós só queremos seguir traballando o mellor posible para poder dar alegrías á xente”.

Categorías
Destacado