Crónica

O Monbus Obradoiro vence o Fiatc Girona nun intenso duelo

O encontro comezou cunha merecida homenaxe a Moncho Fernández, en recoñecemento a máis dunha década á fronte do Monbus Obradoiro, o equipo da súa cidade. A afección de Sar quixo agradecer así a súa traxectoria e dedicación ao club.

Co balón en xogo, foi o conxunto visitante o primeiro en anotar, pero a resposta obradoirista non se fixo agardar. Brandon Childress, Alex Barcello e Alejandro Galán atoparon o acerto desde o exterior para situar o 9-2 no marcador. O Fiatc Girona tratou de manterse preto, pero o bo ritmo ofensivo dos locais permitiu ao Obradoiro pechar o primeiro cuarto cunha vantaxe de trece puntos (25-12), grazas a un triplo de Caleb Agada sobre a bucina.

No segundo período, os visitantes melloraron as súas prestacións e comezaron a recortar distancias. O Monbus Obradoiro conseguiu manter inicialmente a súa vantaxe, pero a insistencia catalá e as dificultades ofensivas dos locais foron apertando o marcador. O Fiatc Girona chegou a igualar o encontro (40-40), aínda que Felipe dos Anjos, desde a liña de tiros libres, permitiu aos santiagueses marchar ao descanso por diante (42-40).

Tras o paso polos vestiarios, o conxunto catalán conseguiu poñerse por diante (42-45), dando paso a un terceiro cuarto marcado pola igualdade e o intercambio de canastras. Ningún dos dous equipos logrou impoñer o seu ritmo e o encontro chegou aos últimos dez minutos cunha lixeira vantaxe visitante (63-65).

O último período comezou cunha bandexa de Yunio Barrueta que devolvía a igualdade ao marcador. Co paso dos minutos, o Monbus Obradoiro conseguiu abrir unha diferenza de sete puntos (78-71), aínda que o Fiatc Girona volveu reaccionar e situouse a tan só un punto a falta de tres minutos e medio (80-79). Foi entón cando Barrueta e Alejandro Galán anotaron dous triplos consecutivos que deron folgos aos locais e permitiron recuperar unha vantaxe de sete puntos (86-79).

Nos últimos minutos, o Obradoiro soubo xestionar a súa renda e, co apoio de Sar, terminou certificando unha traballada vitoria por 91-81. Un triunfo que permite ao conxunto santiagués seguir medrando e sumar ante a súa afección nun encontro que esixiu manter a concentración ata o final.


Ficha técnica


91 – Monbus Obradoiro: B. Childress* (10), E. Abogidi (4), C. Agada (13), F. Dos Anjos (10), L. Meindl* (7), J. Soriano* (5), Y. Barrueta (18), D. Brito (0), S. Quintela (2), A. Barcello* (11), A. Faure (0), A. Galán* (11).


81 – Bàsquet Girona: D. N'Guessan* (16), A. Kunc (0), G. Glas (8), D. Stenionis (8), I. Vázquez (6), S. Whittaker* (7), M. Geben* (13), E. Sanmartín (0), K. Brunot (0), A. Pluta* (15), S. Martínez* (3), N. Maric (5).


Parciais: 25-12, 42-40 // 63-65, 91-81.


Árbitros: Rafael Serrano, Jorge Martínez e Andrés Fernández.


Incidencias: Partido correspondente á novena xornada da Liga Endesa, disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela ante 5.171 espectadores.

Destacado