Crónica

O Obradoiro U22 culmina unha gran remontada para impoñerse ao líder

O partido comezou con igualdade e cun Obradoiro que levou a iniciativa durante os primeiros compases. O bo xogo dos de Martín Guerreiro permitiulles manterse por diante no marcador (12-10), pero o conxunto murciano reaccionou para darlle a volta ao resultado e pechar o primeiro cuarto con vantaxe (12-15).

O segundo período complicouse para os locais. Ao Obradoiro custoulle atopar continuidade en ataque e o UCAM Murcia CAR aproveitou a situación para asinar un parcial de 5-13 en apenas tres minutos e medio, situando o marcador no 17-28. Os visitantes mantiveron o control do encontro e ampliaron progresivamente a súa vantaxe ata chegar ao descanso cun 21-37.

Tras o paso polos vestiarios, o conxunto compostelán intentou cambiar a dinámica do partido, aínda que o poderío físico dos murcianos lles permitiu conservar unha importante renda. A falta de seis minutos para finalizar o terceiro cuarto, a diferenza alcanzaba os 19 puntos (25-44).

Porén, o Obradoiro non baixou os brazos. Tras un tempo morto visitante, os de Martín Guerreiro atoparon o impulso necesario para iniciar unha gran reacción. Cunha maior intensidade defensiva e acerto ofensivo, os locais foron reducindo distancias ata situarse a só catro puntos (42-46) cando restaban tres minutos para finalizar o período. O UCAM Murcia CAR conseguiu reaccionar nos últimos compases e pechou o terceiro cuarto cun 44-51.

Con sete puntos de desvantaxe comezou un último período no que o Obradoiro seguiu crendo nas súas posibilidades. A diferenza reduciuse ata os tres puntos (50-53) e o encontro entrou nunha fase de máxima igualdade. Os composteláns continuaron loitando por cada posesión e conseguiron colocarse a só dous puntos (62-64) a falta de algo máis de tres minutos.

O desenlace estivo á altura do encontro. A falta de 34 segundos, tres puntos separaban ambos os conxuntos, pero o Obradoiro seguiu buscando a remontada. Tras un tempo morto de Martín Guerreiro, os locais conseguiron achegarse ata o 68-69, deixando o partido completamente aberto.

E cando todo parecía encamiñado a un final de infarto, apareceu Louis Riga para anotar a canastra decisiva a falta de catro segundos e completar a remontada. O 71-69 definitivo certificou unha gran vitoria do Obradoiro U22 ante o líder da competición.


Ficha técnica


71 – Obradoiro U22: Mateo Cambon* (2), Pablo Rodríguez* (21), Pedro Baddini (9), Louis Nea Françoise (11), Miquel González* (5), Hugo Sánchez (0), Miguel Rodríguez (0), Malang Adjiba Badji* (15), Hadrian Mateo (5), Mateo Riveiro (0), Illia Butenko (0), Yago Rey* (2).


69 – UCAM Murcia CAR: Rybar Matus (6), Darío Parra (0), Anthony Daniel Estrella* (12), Nicolas Marina (9), Gaye Khalifa (0), Joao Ricardo Neves* (8), Daniel González* (7), Pablo Sevilla (0), Mohamed Daouda Cissoko (5), Gildas Giménez (3), Alan García* (10), Samuel Nohel* (9).


Parciais: 12-15, 21-37 // 44-51, 71-69.


Árbitros: Sandra Sánchez González, Joaquín Martínez González e Álvaro Ortin Lupon.


Incidencias: Partido correspondente á novena xornada da Liga U22, disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela.

Destacado