Noticia

Un Obradoiro cada día máis picheleiro

O obxectivo do club é ser un actor activo na sociedade de Santiago de Compostela e o seu contorno. Puxo en marcha un ambicioso programa de acción social que combina participación directa e indirecta na cidade, achegando a actividade deportiva a diversos colectivos e fomentando valores como a inclusión, a solidariedade e a educación.

Para logralo, o club aproveita a súa visibilidade nas plataformas dixitais —Facebook, X e Instagram— que nos últimos 30 días alcanzaron case 4 millóns de visualizacións, e a asistencia de máis de 4.000 espectadores por partido no Multiúsos Fontes do Sar, amplificando así o impacto das súas iniciativas.

Durante a presente tempada leváronse a cabo múltiples accións de relevancia social, entre elas:

  • Presentación das camisetas en lugares icónicos da cidade como o Mercado de Abastos e o Monte Pedroso xunto á asociación Down Compostela.

  • Apoio á loita contra o cancro de mama, portando pancartas e lazos rosas nos partidos.

  • Apadriñamento da I Promoción TEI do Colexio Peleteiro coa campaña “Todos xuntos” contra o acoso escolar.

  • Campaña de doazón de sangue con ADOS.

  • Entrega do balón do partido por José Paz, deportista con discapacidade, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

  • Visitas de Nadal a unidades pediátricas, de oncología e diálise no CHUS e no HM A Esperanza.

  • Participación no Día Mundial da Diabetes e no proxecto Erasmus Sport+, fomentando a inclusión de inmigrantes. Ambos xunto á FEGABA.

  • Partido solidario con Gadis, doando varios centos de quilos de alimentos ao Albergue Juan XXIII.

  • Inicio do “Miudiño en lingua de signos” ao comezo de cada partido, promovendo a accesibilidade e a inclusión.

Ademais, doáronse produtos a asociacións como Compostela Solidaria e Fundación Andrea, invitando a distintas entidades a gozar dos partidos desde a Grada Social, e visitando colexios como CEIP de Sigueiro e Camiño Inglés para fomentar a educación deportiva e a integración desde idades temperás.

Con estas accións, o club reafirma o seu lema de presentación das camisetas desta tempada: “Unha camiseta que nos representa a todos. Un Obradoiro cada día máis Picheleiro”, consolidando o seu papel como motor social en Santiago de Compostela.

Nos próximos meses continuarán iniciativas con motivo do Día Mundial contra o Cancro, o Día Internacional da Educación, máis visitas a colexios e asociacións, eventos deportivos como o 3x3 coa USC e o PROAM, e novas colaboracións.

Desde o club dáse grazas a todas as empresas e asociacións que ofrecen a súa axuda para poder chegar ao máximo de persoas posibles e ofrecer a mellor asistencia; sen a súa colaboración, moitas destas accións non serían posibles. Ao mesmo tempo, o club atópase actualmente na procura de empresas que desexen participar nestas iniciativas solidarias, converténdose en promotoras da Obra Social do club e sumando forzas para amplificar o seu impacto na comunidade.

Grazas a este compromiso, o Obradoiro non só é un referente deportivo, senón tamén un actor próximo e activo na vida da cidade, demostrando que o deporte pode transformar a sociedade e unir a toda a comunidade.

Categorías
Destacado