Crónica

O Monbus Obradoiro asina a súa décima vitoria consecutiva

O partido comezou con imprecisións, ata que Felipe dos Anjos inaugurou o marcador tras capturar dous rebotes ofensivos na mesma xogada. Aínda que o Fibwi Mallorca reaccionou e tomou a dianteira, un triplo de Alex Barcello devolveu a vantaxe aos visitantes (3-5). O primeiro cuarto mantivo un ritmo alto, con alternancias no marcador, ata que os locais acadaron a súa máxima renda a falta de catro minutos (+5, 17-12). Un novo impulso balear ampliou a diferenza ata o +10 (22-12), pero os triplos de Denzel Andersson e Diogo Brito permitiron ao Obradoiro pechar o período recortando distancias (24-19).

No segundo cuarto, o conxunto compostelán foi medrando co paso dos minutos. Tras tres minutos, colocouse a só dous puntos (26-24) e pouco despois Leo Westermann, desde a liña de tres, culminou a remontada (30-31). O intercambio de canastras marcou un tramo de igualdade, pero os de Diego Epifanio lograron abrir fenda ata o +5 (35-40) e manter a vantaxe ata o descanso (37-44).

Tras o paso polos vestiarios, o Obradoiro deu un golpe definitivo ao partido. Yunio Barrueta e Leo Westermann lideraron un inicio demoledor que, xunto a un triplo de Barcello, culminou nun parcial de 0-11 (37-55), elevando a diferenza ata os 18 puntos. Os galegos controlaron o ritmo e o marcador sen sobresaltos, pechando o terceiro cuarto cunha cómoda vantaxe (49-69).

No último período, o Fibwi Mallorca intentou reaccionar e reduciu momentaneamente a desvantaxe, pero un gancho de Felipe dos Anjos freou calquera intento de remontada (54-71). A falta de catro minutos, a diferenza acadou a súa máxima expresión (+21, 56-77), deixando o encontro practicamente decidido.

Finalmente, o Monbus Obradoiro selou unha contundente vitoria por 63-87, sumando así o seu décimo triunfo consecutivo e pechando marzo con pleno de éxitos.


Ficha técnica


63 – Fibwi Mallorca Bàsquet Palma: A. Scrariolo Ares (2), L. Smith (0), S. Niang Beye (9), J. Bocca (0), O. Matulionis (0), O. Siquier Costa (0), J. Aramburu Lamy (7), L. Capalbo (11), J. Martínez Cabezudo (3), L. Bracey (8), B. Vázquez Arraiza (13), P. Bombino Parada (10).


87 – Monbus Obradoiro: Denzel Andersson (3), Felipe dos Anjos (12), Leo Westermann (14), Alonso Grela (0), Dejan Kravic (9), Aitor Etxeguren (1), Travis Munnings (4), Yunio Barrueta (15), Diogo Brito (6), Sergi Quintela (4), Alex Barcello (13), Alejandro Galán (6).


Cuartos: 24-19, 37-44, 49-69, 63-87.


Árbitros: Sandra Sánchez González, Jaime Gómez Luque, Juan Alberto Pinela García.


Incidencias: Partido correspondente á vixésimo sétima xornada da Primeira FEB disputado no Polideportivo de Son Moix de Palma de Mallorca.

Categorías
Destacado