Crónica

O Monbus Obradoiro asalta o líder

Cun ambiente espectacular nas bancadas do Coliseum, comezaba un encontro no que ambos equipos o deixarían todo sobre a pista. Unha falta en ataque dos coruñeses traducíase na primeira posesión visitante, que Alejandro Galán convertía na canastra inaugural. Catro tiros libres permitían aos locais darlle a volta ao marcador, malia errar un deles (3-2). Porén, Alex Barcello e Leo Westermann, con dous triplos consecutivos, devolvían a vantaxe ao Monbus Obradoiro (8-12). O choque entrou entón nun intercambio constante de golpes, onde o acerto e os tiros libres resultaban determinantes para que o Leyma Coruña tomase o mando (16-15). A dous minutos do final do primeiro cuarto, os locais acadaban a súa máxima vantaxe (+6, 23-17) e pechaban o período por diante (26-19).

No segundo cuarto, Travis Munnings inauguraba o marcador cun triplo para recortar distancias. Non obstante, os locais aproveitaron o seu bo momento para ampliar a renda, acadando o +8 dende a liña de tiros libres (32-24). Un arreón visitante superado o ecuador do período situábaos a só catro puntos (33-29). A dous minutos para o descanso, o Monbus Obradoiro seguía achegándose no marcador (35-32). O paso por vestiarios chegaba cos coruñeses mantendo o control do resultado (41-37).

Tras a reanudación, Yunio Barrueta e Mush Barro anotaban con continuidade. Felipe dos Anjos e Leo Westermann igualaban o partido nada máis comezar o terceiro cuarto (43-43). Un minuto máis tarde, os locais recuperaban a vantaxe dende o tiro libre (46-43). Con sete minutos por disputarse, o Leyma Coruña volvía abrir fenda (+7, 52-45). Cando o Monbus Obradoiro lograba situarse a só un punto grazas a un triplo de Alex Barcello, os locais respondían de inmediato da man dun acertado Caio Pacheco (55-51). Un mate de Felipe dos Anjos, sumado ás accións de Yunio Barrueta, devolvía as táboas (55-55). Pouco despois, Barcello volvía poñer por diante aos composteláns, algo que non ocorría dende o primeiro cuarto (58-59). A igualdade mantívose ata o final do período, que concluíu cun axustado 66-68.

No último cuarto, a igualdade mantíñase dende o tiro libre, aínda que Diogo Brito respondía de inmediato (68-70). A oito minutos do final, o propio Brito, cun 2+1 e unha nova canastra, ampliaba a vantaxe visitante ata o +5 (70-75). Con tres minutos por xogarse, Travis Munnings anotaba un triplo decisivo para establecer a máxima diferenza do encontro (+10, 78-88). Os composteláns souberon xestionar a súa renda nos compases finais para selar unha vitoria de prestixio e sumar o seu duodécimo triunfo consecutivo (84-92).


Ficha Técnica


84 – Leyma Coruña: Didac Cuevas (5), Paul Jorgensen (5), Guillem Jou (5), Macachi Braz (0), Strahinja Micovic (5), Caio Pacheco (13), Danilo Brnovic (0), Ilimane Diop (6), Joe Cremo (21), Mus Barro (10), Abdou Thiam (6), Jacobo Díaz (8).


92 – Monbus Obradoiro: Tra Holder (0), Denzel Andersson (0), Felipe dos Anjos (9), Leo Westermann (17), Dejan Kravic (4), Aitor Etxeguren (0), Travis Munnings (13), Yunio Barrueta (11), Diogo Brito (17), Sergi Quintela (4), Alex Barcello (10), Alejandro Galán (7).


Cuartos: 26-19, 41-37, 66-68, 84-92.


Árbitros: Ángel de Lucas de Lucas, Daniel Checa Nebot, Alejandro Aranzana García.


Incidencias: Partido correspondente á vixésimo novena xornada de Primeira FEB disputado no Coliseum da Coruña.

Categorías