Crónica

O Monbus Obradoiro perde o derbi en Ourense

O Monbus Obradoiro comezou tomando a iniciativa no apartado anotador grazas a un triplo de Leo Westermann. A pesar de que os locais conseguiron igualar a contenda, Alex Galán e, posteriormente, Yunio Barrueta colocaban o +4 no marcador (3-7). Cloud.gal Ourense non baixou os brazos e seguiu de preto aos composteláns (8-9). O cuarto mantivo unha dinámica semellante, cos visitantes por diante pero sen conseguir despegarse (20-21). No último minuto, un triplo de Denzel Andersson e dous roubos de balón culminados en canastra pechaban o primeiro asalto coa maior vantaxe ata o momento: +8 (20-28).

O segundo cuarto comezou cos ourensáns golpeando primeiro, aínda que Sergi Quintela, desde a liña de tiros libres, sumou os primeiros puntos para o Obradoiro (23-30). Ao minuto de xogo, Denzel Andersson viuse obrigado a abandonar a pista tras sufrir un esvarón. Máis tarde, Yunio Barrueta ampliaba a renda ata o +10, pero unha rápida reacción de Cloud.gal Ourense Baloncesto reduciu a diferenza a catro puntos (29-33). A pesar diso, o Monbus Obradoiro acadou a súa máxima vantaxe tras os triplos de Barrueta e Alex Barcello (+12, 31-43). Antes do descanso, os locais lograron recortar distancias e marcharon aos vestiarios cun 43-49.

Tras o paso polos vestiarios, os ourensáns aproveitaron a súa primeira posesión para colocarse a tres puntos, aínda que pouco despois Felipe, machucando o aro, xunto a Barrueta e Barcello anotando desde a zona, deron un respiro aos seus (48-55). A diferenza mantívose durante boa parte do cuarto ata que, a falta de tres minutos, Diego Epifanio viuse obrigado a pedir tempo morto con só tres puntos de vantaxe (60-63). Un minuto e medio máis tarde, a diferenza reduciuse a un só punto e, pouco despois, cun 2+1 e tras varios erros ofensivos dos de Epi, Cloud.gal Ourense púxose por diante por primeira vez no partido (67-65). O marcador ao remate do terceiro cuarto reflectía un axustado 67-68 tras unha falta e unha posterior antideportiva favorable ao Monbus Obradoiro.

No inicio do último período, os de Moncho López volveron poñerse por diante grazas a dous acertados lanzamentos exteriores (73-68). Con sete minutos aínda por disputarse, o Monbus Obradoiro igualou de novo o marcador (75-75). A cinco minutos do final, a igualdade seguía sendo máxima (79-79). A pouco menos de dous minutos para a conclusión, os locais lograron abrir unha renda de seis puntos a base de triplos (88-82). Con 50 segundos por xogarse, o marcador sinalaba un 90-87 que deixaba todo por decidir. Finalmente, Cloud.gal Ourense soubo xestionar a súa vantaxe e pechou o encontro cun axustado 96-93.


Ficha técnica

96 – Cloud.gal Ourense Baloncesto: K. Smith (7), C. Okanu (11), I. Vázquez Pérez (13), M. Fernández Carballo (2), S. Huguet Carrasco (3), G. Kalscheur (15), D. Saraiva Seixas (11), S. Mc Donnell (10), R. Dias Marques Lisboa Santos (18), R. Gill (6).


93 – Monbus Obradoiro: Micah Speight (0), Denzel Andersson (5), Felipe dos Anjos (11), Leo Westermann (17), Alonso Grela (0), Dejan Kravic (6), Aitor Etxeguren (0), Yunio Barrueta (15), Diogo Brito (8), Sergi Quintela (12), Alex Barcello (15), Alejandro Galán (4).


Cuartos: 20-28, 43-49, 67-68, 96-93.


Árbitros: Juan Ramón Hurtado Almansa, Cristian Martín Vázquez, José Carlos Sierra Carrillo.


Incidencias: Partido correspondente á décimo sexta xornada de Primeira FEB disputado no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense.

Categorías
Destacado