O encontro comezou con poucas anotacións por parte de ambos os conxuntos, pero un 3 de 4 en tiros de dous permitía aos galegos asinar un parcial inicial de 6-0 cando se alcanzaban os tres minutos de xogo. Os puntos seguiron subindo lentamente no marcador e, malia que os asturianos ían entrando no partido, o maior acerto do Monbus Obradoiro permitíalle manterse por diante (12-7). Pouco antes de finalizar o asalto, Dejan Kravic salvaba os pasos prohibidos para, como se fose un base puro, anotar unha canastra espectacular que poñía a Sar en pé (14-9). O primeiro cuarto pechábase cun triplo de Micah Speight ao fío da última posesión local (19-11).
O segundo período comezou coa mesma dinámica coa que rematara o anterior. Un mate de Alejandro Galán daba a máxima vantaxe dos obradoiristas ata ese momento, +10 (24-14). O estremeño convertía o partido nun recital de mates e, converténdose no máximo anotador ata ese momento con 8 puntos, poñía aos seus once arriba (32-21). O Monbus Obradoiro conseguiu marchar aos vestiarios mantendo unha cómoda vantaxe (41-32).
Volvía correr o cronómetro e o Alimerka Oviedo saía máis forte, logrando, aos tres minutos, reducir a desvantaxe a seis puntos (48-42). Tras un tempo morto de Diego Epifanio, os composteláns reaccionaban cun triplo de Yunio Barrueta para devolver o +9. Malia o bo comezo do cuarto por parte dos visitantes, o conxunto vestido de branco conseguía volver situarse por momentos cun +15 que lle daba tranquilidade. O terceiro cuarto pechábase cun marcador de 64-54.
No último asalto, o Alimerka Oviedo golpeou primeiro para reducir diferenzas. Malia iso, o Monbus Obradoiro non se sentiu intimidado e, cun parcial de 8-2, obrigaba a Javi Rodríguez a pedir tempo morto cando faltaban sete minutos (72-58). A pouco máis de dous minutos do final, os composteláns acadaban a maior vantaxe do partido, deixándoo practicamente visto para sentenza, +18 (78-60). A vitoria acabou quedando en Santiago de Compostela nun partido que, de principio a fin, estivo controlado polos galegos (86-68).
Ficha técnica
86 – Monbus Obradoiro: Micah Speight (6), Denzel Andersson (2), Felipe dos Anjos (20), Leo Westermann (7), Dejan Kravic (6), Aitor Etxeguren (0), Travis Munnings (3), Yunio Barrueta (6), Diogo Brito (9), Sergi Quintela (6), Alex Barcello (7), Alejandro Galán (14).
68 – Alimerka Oviedo: Marques Townes (10), Alonso Faure (6), Greg Parham (8), Dan Duskac (5), Federico Copes (0), Daniil Shelist (10), Calvin Hermanson (0), Francis Nwaokorie (8), Roberts Casialls (4), Pablo G. Longarela (3), Jorge Arias (0), Raúl Lobaco (14).
Cuartos: 19-11, 41-32, 64-54, 86-68.
Árbitros: Jesús Marcos Martínez Prada, Juan Gabriel Carpallo Miguélez, Juan Alberto Pinela García.
Incidencias: Partido correspondente á décimo oitava xornada da Primeira FEB disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela ante 4.756 espectadores.















