Crónica

A presión da Caldeira frea a Palencia

O conxunto visitante inaugurou o marcador na súa primeira posesión, pero Yunio Barrueta, con dous acertos desde a liña exterior, deu a primeira vantaxe aos composteláns (6-3). Houbo que agardar ata o ecuador do primeiro cuarto para ver outra canastra, novamente obra de Barrueta (9-3). A partir de aí aumentou o ritmo anotador e o Súper Agropal Palencia comezou a carburar. Porén, os galegos souberon resistir cada intento rival e, tras un erro visitante na última posesión, pecharon o cuarto por diante (13-10).

O inicio do segundo período consolidou o dominio do Monbus Obradoiro. Dous triplos consecutivos de Leo Westermann elevaron a renda ata o +10 (22-12). Felipe dos Anjos fixo vibrar ao público de Sar con dous mates contundentes que ampliaron a vantaxe ata o +14 (29-15). Natxo Lezcano viuse obrigado a pedir tempo morto, pero a reacción non chegou e Diogo Brito castigou desde o perímetro (32-15). Nos compases finais, os tiros libres marcaron o ritmo, manténdose unha diferenza semellante ao descanso (37-23).

Tras o paso polos vestiarios, o Obradoiro saíu decidido a romper o partido. Dous triplos de Barrueta, unha canastra de Dos Anjos e un tiro libre de Barcello, tras unha técnica sinalada a Lezcano, levaron a vantaxe ata o +23 (46-23). Malia o novo tempo morto visitante, os locais mantiveron o seu dominio con anotacións de Alejandro Galán, Dos Anjos, Álex Barcello e o propio Barrueta, mentres Palencia apenas sumaba dous puntos en seis minutos (54-25). A solidez defensiva e o pulo da afección asfixiaron ao rival. O cuarto pechouse cunha canastra sobre a bucina de Sergi Quintela, asinando un parcial de 22-9 e deixando o encontro practicamente sentenciado (59-32).

O Súper Agropal Palencia tentou reaccionar no último período con dez puntos consecutivos, pero Brito e Barcello frearon o intento (63-42). A metade do cuarto, os visitantes lograron reducir a desvantaxe a 16 puntos (63-47), aproveitando algúns erros de concentración locais. Porén, dúas novas canastras de Barcello devolveron a renda aos vinte puntos. Nos minutos finais, o Monbus Obradoiro ampliou novamente a diferenza ata o +28 (79-51), deixando o choque definitivamente resolto.

O partido concluíu con vitoria local por 81-53, nunha noite na que os composteláns asinaron o seu undécimo triunfo consecutivo.


Ficha técnica


81 – Monbus Obradoiro: Denzel Andersson (0), Felipe dos Anjos (13), Leo Westermann (6), Alonso Grela (0), Dejan Kravic (3), Aitor Etxeguren (1), Travis Munnings (0), Yunio Barrueta (19), Diogo Brito (18), Sergi Quintela (4), Álex Barcello (13), Alejandro Galán (4).


53 – Súper Agropal Palencia: M. Heron (2), A. Wintering (10), T. Borg (5), X. Oroz Uria (0), I. Jakovics (11), M. Kamba (7), M. Rodríguez Barrientos (3), J. Vrankic (3), M. Armus (2), V. Vucetic (1), A. Muñoz Borchers (9), G. Levy (0).


Cuartos: 13-10, 37-23, 59-32, 81-53.


Árbitros: Leandro Nicolás Lezcano, Juan Ramón Hurtado Almansa, Cristina Adán Rodríguez.


Incidencias: Partido correspondente á vixésimo oitava xornada da Primeira FEB disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela ante 5.523 espectadores.

Categorías