Crónica

Un espectacular Monbus Obradoiro segue sumando vitorias

O conxunto dirixido por Diego Epifanio comezou moi enchufado, cun triplo de Leo Westermann que abría o marcador. Yunio Barrueta e Felipe dos Anjos continuaron sumando puntos para os locais, que, a pouco máis de tres minutos de xogo, xa acadaran unha vantaxe de +12 (12-0). Os ourensáns entraron pouco a pouco no partido, pero o Monbus Obradoiro soubo manter a vantaxe conseguida nos primeiros minutos. A falta de tres minutos para o final do cuarto, gozaban dun +11 (19-8). Dejan Kravic, pendurándose do aro tras unha fantástica asistencia de Diogo Brito, comezou a dominar a pintura e, cunha nova anotación, poñía ao seu equipo con +15 (23-8). Os últimos segundos foron tranquilos para un conxunto que pechaba o período cun 25-12.

No segundo cuarto, os composteláns volveron anotar primeiro, desta vez con Denzel Andersson desde a liña exterior. Cando o partido parecía atascarse tras dous minutos sen anotacións, apareceron Travis Munnings desde o triplo e Diogo Brito e Alejandro Galán desde a pintura para acadar o +19 (35-16). No ecuador do período, tras un rebote, Munnings ampliou a vantaxe por enriba dos 20 puntos (37-16). A dous minutos e medio do descanso, os locais duplicaban a puntuación de Cloud.gal Ourense (42-21). Yunio Barrueta, Alex Barcello e Felipe dos Anjos estableceron a máxima vantaxe xusto antes de marchar a vestiarios: +28 (49-21).

Tras o descanso, os visitantes anotaron dúas canastras consecutivas, aínda que Yunio Barrueta respondeu cun triplo para que o Monbus Obradoiro superase a barreira dos 50 puntos (52-25). O ritmo dos composteláns baixou por momentos, o que obrigou a Diego Epifanio a solicitar un tempo morto. Cloud.gal Ourense reducira a distancia a 19 puntos (55-36). Epi logrou estabilizar de novo ao equipo, que chegou aos tres últimos minutos con +20 (60-40). Con boas últimas posesións, os locais asinaron un parcial de 10-2, aínda que os ourensáns maquillaron o resultado desde o tiro libre para deixar o marcador en 70-44 ao final do terceiro cuarto.

Nos últimos dez minutos parecía claro o vencedor, pero non se podía dar nada por feito, dadas as rápidas reaccións dos visitantes. Pouco a pouco, o Monbus Obradoiro continuou ampliando a vantaxe ata acadar os 28 puntos a metade do período (80-52). Os picheleiros seguiron sumando ata lograr unha nova máxima de +31, a falta de menos de dous minutos para o final (89-57). Finalmente, o Monbus Obradoiro levouse a vitoria por un contundente 94-57, nun Sar que gozou dun magnífico ambiente e dunha espectacular comunión entre equipo e afección.


Ficha técnica


94 – Monbus Obradoiro: Tra Holder (4), Denzel Andersson (3), Felipe dos Anjos (11), Leo Westermann (5), Alonso Grela (0), Dejan Kravic (10), Travis Munnings (12), Yunio Barrueta (13), Diogo Brito (9), Sergi Quintela (6), Alex Barcello (11), Alejandro Galán (10).


57 – Cloud.gal Ourense: A. Vrabac (3), C. Okanu (6), I. Vázquez (5), M. Fernández (15), S. Huguet (2), G. Kalscheur (0), D. Saravia (3), S. McDonnell (10), M. Iglesias (0), R. Lisboa (9), R. Gill (4), C. Jürgens (0).


Cuartos: 25-12, 49-21, 70-44, 94-57.


Árbitros: Francisco José Zafra Guerra, Francisco González Cuervo, Héctor Sanhermelando García.


Incidencias: Partido correspondente á trixésima xornada de Primeira FEB disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela ante 5.937 espectadores.

Categorías