Noticia

Campións do I Torneo Internacional Concello de Santiago de Compostela!

Co asubío inicial e o balón en xogo, foi Yunio Barrueta o encargado de inaugurar o marcador cun triplo. Pouco despois, a intensidade defensiva da UD Oliveirense permitiulles tomar vantaxe (4-6). A diferenza entre ambos conxuntos foi medrando (4-11), pero tras varios cambios, o Monbus Obradoiro recuperou frescura e, a tres minutos do final do cuarto, logrou poñerse por diante (17-16). Desde ese momento o partido mantívose igualado e, ao peche do primeiro período, o electrónico reflectía un empate a 22.

No segundo cuarto foron os visitantes quen golpearon primeiro e, durante os dous minutos seguintes, mantiveron a iniciativa (24-26). A pesar do gran papel de Yunio Barrueta, máximo anotador ata ese intre con 10 puntos, a UD Oliveirense seguía por diante no ecuador do período (35-37).


Non foi ata o último minuto e 19 segundos cando, primeiro Leo Westermann —tras unha técnica ao adestrador visitante— e despois Sergi Quintela desde o tiro libre, devolveron a vantaxe aos galegos (41-40). Porén, xusto antes do descanso, o conxunto portugués volvía colocarse dous puntos arriba (43-45).

A reanudación trouxo un arranque fulgurante do Obradoiro, con Westermann e Álex Galán anotando de maneira consecutiva para darlle a volta ao marcador (47-45). A partir de aí chegaron os mellores minutos locais: a falta de catro para o final do terceiro cuarto, acadaban unha renda de +12 (64-52). A bancada gozaba cun inspirado Alonso Grela, ben compenetrado co home do partido, Barrueta.

A guinda púxoa Álex Barcello, que tivera que retirarse no segundo cuarto por unha brecha na cella, pero regresou con forza e comezou a castigar desde a liña de tres. A súa achega permitiu que os composteláns pechasen o terceiro cuarto cunha vantaxe de +19 (77-58).

No último parcial, ao Obradoiro só lle quedaba administrar a súa renda para asegurarse a vitoria e proclamarse campión do I Torneo Internacional Concello de Santiago de Compostela, trofeo que levantou Leo Westermann entre a ovación do público do Fontes do Sar.


Ficha Técnica


91 - Monbus Obradoiro: Rodrigo Díaz (3), Denzel Andersson (2), Felipe dos Anjos (10), Goran Huskic (4), Leo Westermann (8), Alonso Grela (8), Pedrinho Rodrigues (3), Aitor Etxeguren (0), Yunio Barrueta (19), Sergi Quintela (12), Alex Barcello (14), Alejandro Galán (8).


74 – União Desportiva Oliveirense: Jordan Sibert (12), Rafael Gaspar (0), Earl Timberlake Jr (4), Filipe Dionisio (5), José Barbosa (2), Diogo Araujo (6), André Bessa (2), Joao Embaló (8), Eduardo Santos (2), Carlos Mijares (0), James Boeheum (22), Mikyle Mcintosh (11).


Cuartos: 22-22, 43-45, 77-58, 91-74.

Destacado