O Monbus Obradoiro acada os cuartos de final da Copa España

O encontro comezou cos aragoneses poñéndose por diante no marcador desde a liña de triplas, pero na seguinte posesión Yunio Barrueta replicaba a acción, poñendo o empate. Posteriormente, o Monbus Obradoiro conseguía poñerse por diante cun bo Felipe Dos Anjos, que dominaba na pintura (3-5).

O partido continuou baixo dominio obradoirista durante o resto dos minutos. Cando máis preto estiveron os locais de volver igualar o encontro, Yunio Barrueta volvía anotar de tres, afastando aos seus ata o +5 (9-14). Huesca La Magia apertaba e, aínda que con pouco acerto, a súa insistencia no tiro acabou por dar froitos, empatando o encontro a pouco menos de dous minutos do final do cuarto (14-14). O Monbus Obradoiro volveu afastarse nos últimos intres e pechaba o primeiro asalto cun favorable 17-19.

Os seguintes dez minutos comezaban da mesma maneira, cos galegos reinando no marcador. Pouco despois, a insistencia oscense tivo recompensa, logrando o empate pasados os dous minutos e medio de xogo (22-22). Un bo Diogo Brito volvía darlle vantaxe aos seus. Deixar o casilleiro visitante a cero nos primeiros minutos do segundo cuarto permitiu que os de Epi alcanzasen o +6 (29-23). Esta diferenza suporía un punto de inflexión, xa que os de Santiago de Compostela a mantiveron para ir ao descanso cun 33-41.

Co regreso á cancha, a superior categoría do Monbus Obradoiro fíxose notar, conseguindo un parcial de 0-16 para, aos tres minutos e medio, acadar un +24 (33-57). Tras un tempo morto, o equipo aragonés comezou a reaccionar. Con paso firme e tranquilidade empezaron a recurtar distancias ata os 16 puntos a falta de dous minutos do cuarto (45-61). O terceiro asalto rematou cun marcador que daba moita tranquilidade aos visitantes de cara ao último período: 48-70.

No último cuarto, o Lobe Huesca La Magia adiantábase primeiro, pero aínda así o Monbus Obradoiro non baixou a intensidade e mantivo o control do partido durante o resto dos minutos. Con Diogo Brito como MVP do encontro, os galegos conseguiron a vitoria e acadaron os cuartos de final da Copa España, onde os agarda como rival o Súper Agropal Palencia (66-88).


Ficha Técnica


66 – Lobe Huesca La Magia: O. Thiam Pedrera (8), O. Bieshaar (5), J. Wells (7), I. Terreros Rivas (6), H. Figueroa Álvarez (11), P. Gallego Broto (0), M. Carreira Kreps (0), J. Fritz (10), A. Badmus (4), P. López-Sanvicente Reta (12), G. Rodríguez Soler (3), G. Vázquez Vallejo (0).


88 – Monbus Obradoiro: Denzel Andersson (4), Felipe dos Anjos (9), Leo Westermann (6), Alonso Grela (2), Dejan Kravic (7), Aitor Etxeguren (2), Yunio Barrueta (13), Diogo Brito (20), Sergi Quintela (0), Alex Barcello (12), Olle Lundqvist (9), Alejandro Galán (4).


Cuartos: 17-19, 33-41, 48-70, 66-88.


Árbitros: Antonio Manuel Zamora Rodríguez, Fernando Martínez Estopiñán, Jesús Marín Abad.


Incidencias: Partido correspondente aos oitavos de final da Copa España disputado no Palacio Municipal dos Deportes de Huesca.

Destacado