Fichaxe

Michael Caicedo amplía a súa vinculación co Monbus Obradoiro

Michael Caicedo incorporouse ao Monbus Obradoiro o pasado mes de agosto para completar a pretempada e reforzar os adestramentos do conxunto dirixido por Diego Epifanio. Durante estas primeiras semanas, o aleiro integrouse no grupo e participou con normalidade no traballo diario do equipo.

Tras este primeiro período de vinculación, o Monbus Obradoiro e o xogador acordaron prolongar a súa estadía. Deste xeito, Caicedo continuará traballando xunto aos seus compañeiros e ás ordes do corpo técnico ata o vindeiro 18 de outubro.

Formado nas categorías inferiores do FC Barcelona e con experiencia na Liga Endesa, o aleiro seguirá achegando a súa capacidade física, intensidade e versatilidade á dinámica do conxunto obradoirista durante as próximas semanas.