Crónica

O Monbus Obradoiro lévase a vitoria nun final de infarto

O encontro comezou cos locais por diante no marcador. A vantaxe inicial permitiu aliviar a presión no banco do Monbus Obradoiro, ao que lle empezaban a saír moi ben as cousas, aproveitando o escaso acerto do rival no lanzamento exterior. Esta situación obrigou Gerard Encuentra a pedir un tempo morto a metade do período (11-2). A pausa resultou efectiva, xa que dous minutos despois os visitantes reduciran a diferenza ata os catro puntos (13-9). Os galegos conseguiron reaccionar e evitaron que o rival se puxese por diante, aínda que o Ilerna Lleida seguía moi preto no marcador tras un triplo sobre a bucina de McGhee, que xa sumaba 14 puntos na súa conta particular (22-21).

Nada máis comezar o segundo cuarto, o Ilerna Lleida púxose por diante por primeira vez no partido grazas ao acerto desde a liña de tres puntos, pero Felipe dos Anjos restableceu axiña a igualdade desde a pintura (24-24). Catro minutos despois, os composteláns conseguiron coller folgos cunha vantaxe de seis puntos. Cun gran esforzo físico, o Monbus Obradoiro logrou manterse por diante durante o resto do período, aínda que sen conseguir ampliar a diferenza de forma definitiva (49-43).

O partido retomouse cunha gran intensidade, conscientes ambos os equipos do que estaba en xogo. As faltas comezaron a sucederse e, aos tres minutos, os dous conxuntos xa estaban en bonus, o que propiciou que o ritmo anotador comezase a diminuír (57-50). A pesar de que os composteláns chegaron a gozar dunha vantaxe de dez puntos, o seu rival conseguiu reducila ata os cinco (61-56). Un bo Caleb Agada resultou decisivo nos últimos instantes do período para que o Monbus Obradoiro chegase ao último cuarto por diante no marcador (69-60).

Nos primeiros segundos do último período, os locais parecían ter o partido baixo control, pero, a falta de seis minutos e medio, os cataláns conseguiron situarse a só dous puntos, devolvendo a tensión ás bancadas de Sar (73-71). O marcador chegou a reflectir unha diferenza dun só punto cando restaban tres minutos para o final (82-81). O último minuto comezou cunha vantaxe de cinco puntos para o Monbus Obradoiro, pero os visitantes souberon reaccionar ata igualar o encontro. Finalmente, Joel Soriano, desde a liña de tiros libres, conseguiu devolverlle a vantaxe ao conxunto compostelán (91-89), que acabou selando unha traballada vitoria.


Ficha técnica


91 – Monbus Obradoiro: B. Childress (7), E. Abogidi (2), C. Agada* (12), F. Dos Anjos (10), L. Meindl* (11), J. Soriano* (22), Y. Barrueta (5), D. Brito (0), S. Quintela (2), A. Barcello* (7), A. Faure (2), A. Galán* (11).


89 – Ilerna Lleida: D. McGhee (23), J. Batemon* (12), M. Ejim* (10), O. Paulí* (7), D. García* (3), M. Hughse (6), A. Rodríguez (0), M. Sanz (15), J. Shurna (0), K. Kuath (5), Z. Perrin* (8), P. Torrens (0).


Parciais: 22-21, 49-43 // 69-60, 91-89.


Árbitros: Jordi Aliaga, Iyán González e Rubén Sánchez Mohedas.


Incidencias: Partido correspondente á terceira xornada da Liga Endesa, disputado no Multiusos Fontes do Sar, en Santiago de Compostela, ante 5.204 espectadores.