Actualidad

O Monbus Obradoiro Genuine bota a andar

O Monbus Obradoiro dá un novo paso no seu compromiso co deporte inclusivo coa posta en marcha do Monbus Obradoiro Genuine, un equipo de baloncesto para persoas con discapacidade intelectual que xa comezou a dar os seus primeiros pasos na pista do Multiusos Fontes do Sar. O proxecto nace cun cadro de 29 xogadores e coa vontade de converter o baloncesto nun espazo de encontro, aprendizaxe, superación e compañeirismo.

A iniciativa comezou a tomar forma o pasado mes de maio, cando o club iniciou os traballos para crear un equipo dirixido a persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %. Para estudar a viabilidade do proxecto, establecéronse os primeiros contactos con distintas asociacións de Santiago de Compostela e compartiuse unha proposta inicial co obxectivo de coñecer a súa acollida e estimar o número de posibles participantes. A resposta superou as expectativas iniciais e, a finais de agosto, o proxecto xa contaba con 29 xogadores.

O equipo recibe o nome de Monbus Obradoiro Genuine, con Monbus como patrocinador principal. O termo Genuine reforza a identidade desta iniciativa e transmite valores como a autenticidade, a sinceridade, a naturalidade, a superación e o compañeirismo. Unha filosofía que vai máis alá da práctica deportiva: ser máis ca un equipo, ser unha familia. Con este equipo, o club pasa das fotografías aos feitos, integrando o Monbus Obradoiro Genuine na súa estrutura diaria.

Un equipo integrado no día a día do club

O obxectivo do Monbus Obradoiro Genuine é que o baloncesto sexa un deporte para todos, contribuíndo a derrubar barreiras e a xerar oportunidades reais de participación para as persoas con discapacidade intelectual. O proxecto aposta polos valores da superación, a diversión e o compañeirismo, cunha idea clara: pasar das palabras aos feitos e construír unha iniciativa con continuidade no tempo.

Para iso, o equipo integrarase na dinámica habitual do club. Adestrará dous días á semana no Multiusos Fontes do Sar e vestirá a mesma equipación que o primeiro equipo, como mostra de pertenza a unha mesma estrutura e de recoñecemento a todos os seus integrantes.

Entre os seus obxectivos tamén figuran a promoción do deporte inclusivo, o desenvolvemento motriz e social dos xogadores, a educación en valores e a sensibilización da contorna. O proxecto busca, ademais, ofrecer un espazo estable de convivencia e aprendizaxe, con adestradores preparados e instalacións adecuadas, así como consolidar un equipo que represente as cores e os valores do Monbus Obradoiro.

Santiago de Compostela, sede da Copa Campeones

No ámbito competitivo, o Monbus Obradoiro Genuine ten previsto participar en dúas competicións: a Copa Campeones, organizada pola Fundación ACB, e a liga autonómica promovida pola Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA).

A participación na Copa Campeones permitirá ao equipo compartir pista con iniciativas doutros clubs do baloncesto profesional. Ademais, Santiago de Compostela acollerá unha das xornadas desta competición. A cita reunirá na cidade a Fundació Barça Genuine, Fundació Bàsquet Girona, CB Sierra Nevada Natura Ability Granada, Fundación Breogán e Leyma Básquet Coruña.

A celebración desta xornada suporá unha oportunidade para dar visibilidade ao baloncesto inclusivo e reforzar o papel de Santiago de Compostela como punto de encontro para o deporte e a convivencia.

Coa posta en marcha do Monbus Obradoiro Genuine, o club amplía a súa aposta por un baloncesto aberto a todos, no que cada xogador teña o seu espazo, se sinta parte dun equipo e poida gozar do deporte en igualdade de condicións.

Destacado