Crónica

O Obradoiro U22 perde o invicto en Murcia (84-76).

O conxunto local tomou a iniciativa desde as primeiras posesións, aproveitando a falta de acerto preto do aro e as catro perdas de balón dos santiagueses para abrir unha primeira fenda no marcador (13-5). Martín Guerreiro solicitou tempo morto para tratar de cambiar a dinámica, pero os murcianos continuaron ampliando a súa vantaxe ata pechar o primeiro cuarto cun 25-12.


O Obradoiro elevou a súa intensidade no segundo período e conseguiu equilibrar o desenvolvemento do encontro. Unha maior fluidez no xogo colectivo permitiu aos santiagueses atopar mellores situacións de ataque e asinar os seus mellores minutos ata o momento. A reacción visitante reduciu a diferenza a oito puntos (38-30), obrigando a Marcelino Solana a deter o partido. Dous tiros libres dos locais estableceron o 40-30 co que se chegou ao descanso. Ata ese momento, o rebote estaba a marcar boa parte das diferenzas, cun balance favorable aos murcianos de 24-14.


A segunda metade comezou cun intercambio de canastras e dúas boas accións de Badji na pintura. Porén, o UCAM Murcia CAR volveu impoñerse e encadeou un parcial de 12-0 que ampliou a vantaxe ata os vinte puntos (57-37). Lonxe de renderse, o Obradoiro reaccionou apoiándose no seu xogo interior e no contraataque, atopando situacións de anotación e forzando faltas que lle permitiron sumar desde a liña de tiros libres. O esforzo dos santiagueses tivo recompensa e a diferenza quedou reducida a dez puntos ao remate do terceiro cuarto (66-56).


Os de Martín Guerreiro saíron decididos a manter viva a remonta no último período, pero o conxunto murciano soubo responder e conservar a súa vantaxe (74-64). O Obradoiro continuou buscando alternativas ofensivas ata os últimos minutos, aínda que a falta de acerto desde o perímetro dificultou as súas opcións de completar a reacción. Pola súa banda, o UCAM Murcia CAR aproveitou a súa eficacia exterior para administrar a diferenza e asegurar a vitoria por 84-76.


Ficha técnica

84 – UCAM Murcia CAR: R. Matus (9), D. Parra (3), A. Estrella (12), D. Berruga (0), G. Khalifa (2), J. Neves* (11), D. González* (9), P. Sevilla (2), M. Cissoko* (2), G. Giménez* (10), A. García* (12), S. Nohel (12).

76 – Obradoiro U22: M. Cambón* (3), P. Rodríguez (11), Á. Soneira* (11), P. Baddini (9), L. Riga (11), M. González* (2), H. Sánchez (5), M. Badji* (10), H. Díaz (4), H. Mateo (5), I. Butenko (5), Y. Rey* (0).

  

Cuartos: 25-12, 40-30 // 66-56, 84-76.

 

Árbitros: Francisco Olmos Ochoa, José Sánchez Jiménez y Diego Amores Babiano.

 

Incidencias: Partido correspondiente a la cuarta jornada de Liga U disputada en el Palacio de los Deportes de Murcia.


Destacado