Crónica

O Monbus Obradoiro cae no Palau Blaugrana

O encontro comezou co Monbus Obradoiro estreando o marcador, aínda que os locais non tardaron en tomar a iniciativa. O acerto desde o perímetro e un dous máis un permitiron ao conxunto blaugrana abrir unha primeira fenda de cinco puntos (9-4). Co paso dos minutos, o Barça foi impoñendo o seu ritmo e ampliando a súa vantaxe ata os dez tantos (22-12). Malia iso, os obradoiristas reaccionaron no treito final para reducir a diferenza a sete puntos ao remate do primeiro cuarto (25-18).

Á volta do xogo, Felipe Dos Anjos volveu anotar para o conxunto galego, aínda que Tyrese Martin respondeu rapidamente desde o exterior (28-20). O Monbus Obradoiro atopou opcións para achegarse no marcador, pero o acerto local impediu que a distancia se reducise. Co 32-23, Diego Epifanio pediu tempo morto para tratar de frear o avance blaugrana. O Barça mantivo a súa efectividade e mesmo viu ampliada a súa vantaxe (38-26). Porén, os composteláns non baixaron os brazos e protagonizaron un bo treito final. Un triplo de Leo Meindl e outro de Caleb Agada, xunto a dous tiros libres de Álex Barcello, permitiron ao equipo situarse a nove puntos. Finalmente, ambos os conxuntos marcharon aos vestiarios cun 51-40.

Tras o descanso, o Barça mantivo o control do encontro e soubo xestionar a vantaxe acadada durante a primeira metade. O Monbus Obradoiro continuou buscando alternativas para recortar distancias e manterse na loita, pero os locais respondían a cada intento de reacción. No ecuador do terceiro período, a diferenza seguía por riba dos dez puntos (61-49). Os composteláns continuaron traballando para reducila, aínda que o conxunto blaugrana conseguiu conservar a súa renda durante o resto do cuarto. Deste xeito, o partido afrontaba os seus últimos dez minutos cun marcador de 73-62.

O Monbus Obradoiro comezou o último período disposto a loitar ata o final. Un triplo de Brandon Childress permitiu achegar os galegos ata os nove puntos (74-65), mantendo viva a posibilidade de pelexar polo encontro. Non obstante, o Barça volveu facer valer a súa superioridade física e ofensiva para ampliar novamente a diferenza ata os 17 puntos (82-65). Malia o esforzo dos obradoiristas por buscar unha última reacción, o conxunto local soubo aproveitar a súa vantaxe e afrontar con comodidade os minutos finais. Finalmente, o encontro concluíu cun 108-83 favorable ao Barça.


Ficha técnica


108 – Barça: T. Martin* (22), S. Umude (13), J. Robinson (7), D. Brizuela* (17), A. Ubal (9), O. Nkamhoua (5), J. Núñez (0), O. Balcerowski* (7), J. Minaya* (6), J. Nebo (9), A. Kone (2), J. Parra* (11).


83 – Monbus Obradoiro: B. Childress* (15), E. Abogidi* (6), C. Agada (12), F. Dos Anjos (12), L. Meindl* (15), J. Soriano* (8), Y. Barrueta (0), D. Brito (0), S. Quintela (4), A. Barcello* (7), A. Faure (0), A. Galán (4).


Parciais: 25-28, 41-50 // 73-62, 108-83.


Árbitros: Fernando Calatrava, Rubén Sánchez Mohedas e Roberto Lucas.


Incidencias: Partido correspondente á oitava xornada da Liga Endesa, disputado no Palau Blaugrana de Barcelona.

Destacado