Crónica

O Monbus Obradoiro non pode cun necesitado Tizona Burgos

O salto inicial, gañado por Tizona Burgos, deu paso á primeira canastra do encontro, aínda que Felipe dos Anjos respondeu de inmediato atacando a pintura. Ambos os dous equipos comezaron con acerto, intercambiando golpes nos primeiros minutos. Porén, dous erros consecutivos de Brown permitiron a Yunio Barrueta e Alejandro Galán abrir unha primeira fenda de seis puntos (4-10). A pesar dunha lixeira baixada na efectividade, os galegos mantiveron a súa vantaxe ata que os locais lograron igualar o marcador mediado o primeiro cuarto (13-13). A reacción do Obradoiro non tardou en chegar e volveu estirar a diferenza ata o +7 (13-20). Tizona resistía, pero os triplos de Diogo Brito e Sergi Quintela elevaron a renda visitante ata o +8 a falta dun minuto (18-26). Un triplo final dos burgaleses deixou o marcador en 21-26 ao remate do primeiro período.

O segundo cuarto comezou con protagonismo para Leo Westermann, que asinou un 3+1. Pouco despois, Brito ampliaba a vantaxe desde o tiro libre ata o +11 (21-32). Tizona reaccionou a tempo e recurtou distancias ata colocarse a só tres puntos (29-32). Westermann e Alex Barcello asumiron entón o liderado ofensivo, devolvendo a tranquilidade ao Obradoiro cun triplo e un 2+1 (29-38). Aínda así, os locais non se renderon e volveron achegarse. A catro minutos do descanso, a diferenza era mínima (37-39). O intercambio de golpes continuou ata que, a menos de dous minutos para o intermedio, o marcador reflectía un axustado 45-46. Dúas accións finais de Sergi Quintela permitiron aos galegos marchar ao descanso con vantaxe (47-53).

Tras o paso polos vestiarios, un triplo inaugurou a anotación burgalesa. Os locais intensificaron a súa presión e, tras unha boa penetración, colocáronse a un punto. Con todo, Westermann freou a remontada con dous triplos consecutivos (52-59). O partido entrou nunha fase máis trabada, con menor fluidez ofensiva. Aínda así, o Obradoiro conseguiu acadar unha vantaxe de nove puntos ao final do terceiro cuarto (60-69), que se ampliou ata o +10 cun triplo de Quintela (62-72).

No último período, Tizona Burgos deu un paso adiante. Reduziu diferenzas e, aínda que Kravic respondeu na pintura (65-74), os locais seguiron insistindo. Barrueta, desde o tiro libre, mantiña a distancia arredor dos nove puntos (67-76), pero a eficacia burgalesa evitou que o Obradoiro sentenciase o encontro. A pouco máis de cinco minutos do final, os locais xa estaban a só un punto (75-76). Tras un tempo morto de Diego Epifanio, Kravic anotou, pero a igualdade persistía (77-78). Finalmente, Tizona logrou poñerse por diante por primeira vez a falta de catro minutos (79-78). A tensión mantívose ata o final, con máxima igualdade (83-82), e o partido marchou á prórroga tras o 86-86.

No tempo extra, Tizona Burgos golpeou primeiro e chegou a poñerse cinco arriba. A tres minutos do final, os locais mantiñan esa vantaxe, aínda que Westermann volveu meter aos seus no partido (93-91). Nos intres finais, con 30 segundos por xogarse, o marcador era de 96-95 para os burgaleses. Finalmente, Tizona Burgos soubo xestionar mellor os últimos ataques e levouse unha traballada vitoria por 99-96.


Ficha técnica


99 – Tizona Burgos: M. Nugu (26), M. Jackson (13), F. Terins (15), A. Parrado Calabria (5), R. Vila Soley (6), C. Czerapowics (2), A. Huelves García (0), J. Zidek (15), J. Brown-Ferguson (2), R. Seoane Rodicio (8), G. Jofresa Sarret (7), A. Alonso Ruiz (0).


96 – Monbus Obradoiro: Tra Holder (0), Denzel Andersson (0), Felipe dos Anjos (9), Leo Westermann (20), Dejan Kravic (10), A. Etxeguren (0), Travis Munnings (2), Yunio Barrueta (5), Diogo Brito (11), Sergi Quintela (14), Alex Barcello (20), Alejandro Galán (5).


Parciais: 21-26, 47-53, 62-72, 86-86, 99-96.


Árbitros: Germán Morales Ruiz, Pablo Rodríguez Fernández, Marc García Santos.


Incidencias: Partido correspondente á trixésimo primeira xornada de Primeira FEB disputado no Pavillón El Plantío de Burgos.

Categorías