Felipe Dos Anjos únese ao Monbus Obradoiro

Felipe Dos Anjos, de 2,18 metros de altura, conta cunha longa traxectoria no baloncesto español. Aos seus 27 anos, xogou tanto na Liga ACB como na antiga LEB Ouro. Pasou por equipos como Oviedo, San Pablo Burgos, Melilla, Bilbao, Estudiantes ou MoraBanc Andorra, onde estivo nas tres últimas tempadas, dúas delas na máxima categoría do baloncesto español.

Na súa última tempada na actual Primeira FEB, acadou unhas estatísticas de 11,6 puntos, 6,9 rebotes e 0,4 asistencias por partido. O ano anterior, na ACB, participou en 34 encontros, promediando 4,7 puntos, 3 rebotes e 0,1 asistencias por partido.

O pívot asinou para as dúas próximas tempadas e, en palabras de Epi, é un rapaz “cunha gran progresión desde a súa chegada a Oviedo hai 10 anos, e que aínda ten camiño por percorrer”.

“Vén de ser un xogador importante no rendemento de Andorra nas tres últimas tempadas. Sempre se caracterizou por ser un bo bloqueador, cun excelente timing para o roll e unha gran capacidade para rebote. Nos últimos anos foi incorporando máis aspectos ao seu xogo: traballo no poste baixo e situacións para xerar xogo mediante o pase”.

“Cremos que é unha gran incorporación porque nos axuda a equilibrar o xogo interior e porque se trata doutro bo compañeiro dentro do vestiario. Felipe, ademais de caracterizarse por ter bos hábitos de adestramento, é unha persoa alegre e positiva”.

Desde o Monbus Obradoiro, desexamos que Felipe teña unha rápida adaptación tanto ao equipo como á cidade, para que axiña poidamos gozar do seu xogo.


Destacado