Noticia

O Obradoiro acollerá o Final Four Cadete Masculino

Tras a clasificación do equipo cadete Balidea Obradoiro para o Campionato Galego de baloncesto na fase regular, o club logrou a organización dunha das grandes citas do baloncesto de formación en Galicia: o Final Four Cadete Masculino.

Para esta ocasión, o Obradoiro propuxo como sede a cidade de Santiago de Compostela, concretamente o pavillón Multiusos Fontes do Sar, un escenario de referencia para o baloncesto galego que acollerá a fase final da competición.

O torneo reunirá a catro dos mellores equipos da categoría, que disputarán unhas eliminatorias decisivas nas que estará en xogo o título autonómico. Trátase dunha cita que promete un alto nivel competitivo, con mozos talentos que representan o futuro do baloncesto galego.

Camilo Riveiro, director de canteira do Obradoiro, amosa a súa satisfacción ao ver como “a nosa canteira continúa medrando e consolidando pasos firmes na construción dun proxecto que dá valor ao deporte base. Nesta ocasión, ademais, contaremos co Multiusos Fontes do Sar, un escenario de primeiro nivel no que os rapaces seguro vivirán a experiencia de sentirse como auténticos profesionais. Disputar a competición neste entorno tamén facilita a presenza de afeccionados, grazas á súa ampla capacidade de bancada. Estamos convencidos de que poderemos gozar dunha gran festa en Sar e, oxalá, pechala cunha vitoria local”.

Calendario de competición

Sábado 2 de maio – semifinais

  • 17:00 h: Balidea Obradoiro vs Cafés Candelas Ensino
  • 19:00 h: Tifón Muebles Novobasket vs Ingade COB

Domingo 3 de maio

  • 17:00 h: Partido polo 3º e 4º posto
  • 19:00 h: Gran Final

O Final Four Cadete Masculino preséntase como unha fin de semana de referencia dentro do calendario formativo. Ademais do interese deportivo, o evento busca xerar un gran ambiente nas bancadas, reforzando o papel de Santiago de Compostela como punto de encontro do deporte base e da afección ao baloncesto.

Categorías