Noticia

‘A Rebo-Sar’: Activada a liberación de asentos vs Inveready Gipuzkoa

Quedan só dous encontros para pechar a fase regular e o equipo afronta este tramo decisivo cunha necesidade clara: contar, máis ca nunca, co empuxe do seu maior activo, a afección. A resposta dos obradoiristas está a ser excelente, ata o punto de que xa non quedan entradas dispoñibles para o último partido en Sar. Ademais, espérase unha presenza masiva de seguidores obradoiristas en Torrelavega, onde o equipo xogará a penúltima xornada.

Co obxectivo de maximizar a asistencia e encher cada asento do pavillón, o club volve poñer en marcha a iniciativa “A rebo-Sar”. Este sistema permite aos abonados liberar o seu asento se non poden acudir ao encontro do venres 8 de maio ás 21:00 fronte ao Inveready Gipuzkoa Basket.

Grazas a esta medida, os asentos que queden dispoñibles poderán ser aproveitados por outros afeccionados. Se a localidade liberada chega a venderse, o abonado recibirá o 50% do importe no seu monedeiro do club.

Os asentos liberados iranse incorporando automaticamente ao proceso de venda a medida que se vaian xestionando. Nunha primeira fase, estas localidades estarán dispoñibles unicamente para abonados que desexen mercar entradas adicionais para familiares ou amigos. Este período preferente manterase, ao igual que a venda ordinaria, ata o luns 4 de maio ás 12:00 horas. A partir dese momento, abrirase a venda ao público xeral.

Como liberar o asento

O procedemento para liberar o asento é moi sinxelo e realízase a través da área de abonados da web oficial do club. O usuario debe iniciar sesión, acceder a “Os meus abonos”, entrar en “Xestionar” dentro do abono correspondente, seleccionar o partido e, no apartado “Opcións”, escoller “Vender entrada”. Finalmente, o sistema solicitará confirmar a operación.

Categorías