Comunicados

O Monbus Obradoiro debutará na Liga U 2026/27

O Monbus Obradoiro será un dos equipos participantes na Liga U 2026/27, a competición destinada a xogadores Sub-22 que afrontará a súa segunda edición e que reunirá algunhas das mellores canteiras do baloncesto español. Será a primeira vez que o club compostelán forme parte deste campionato, consolidando o crecemento da súa estrutura deportiva e converténdose, ademais, no único representante galego na competición.

O conxunto obradoirista quedou encadrado no Grupo B xunto a Kids&Us Manresa, Joventut Badalona, Amara Lleida, Bilbao Basket, UCAM Murcia Juver e Unicaja Alhaurín de la Torre. Pola súa banda, o Grupo A estará formado por Real Madrid, Barça Atlètic, Burgos Grupo de Santiago, Casademont Zaragoza, Fundación CB Canarias, Valencia Basket e Bàsquet Girona.

A Liga U naceu co obxectivo de facilitar a transición dos novos xogadores cara ao baloncesto profesional, ofrecéndolles unha competición de alto nivel adaptada ao seu proceso de formación e desenvolvemento. Neste contexto, a presenza do Monbus Obradoiro supón un novo fito para a entidade, que amplía a súa presenza nas competicións nacionais e reafirma o seu compromiso coa canteira.

Con esta estrea na Liga U22, a familia obradoirista continúa fortalecendo o seu proxecto deportivo, brindándolles aos seus novos talentos unha nova oportunidade para seguir medrando, competir ao máximo nivel e dar pasos firmes cara ao primeiro equipo.

Destacado