Fichaxe

Brandon Childress: “Santiago faime sentir coma na casa”

Brandon Childress foi presentado este luns como novo xogador do Monbus Obradoiro. O base estadounidense mostrouse moi satisfeito coa súa chegada a Santiago e destacou as boas sensacións que lle transmitiu a cidade desde os seus primeiros días. “Encántame Santiago. É unha cidade preciosa, un lugar precioso e, ademais, ten a mellor comida que probei na miña carreira”, sinalou o novo xogador obradoirista.

Childress tamén puxo en valor a acollida recibida e o carácter dos santiagueses. “A xente é moi boa e todo me resulta moi acolledor. É unha cidade pequena, pero encántame. Síntome coma na casa”, explicou o base.

A súa incorporación ao Monbus Obradoiro supón un novo paso na súa carreira no baloncesto europeo, despois das súas experiencias en Lituania e Turquía. Para Childress, dar o salto a unha competición de maior esixencia representa unha oportunidade importante para continuar medrando como xogador. “Para min, competir nunha liga máis esixente era un dos grandes pasos que podía dar na miña carreira”.

O base estadounidense tamén asegurou ter recompilado boas referencias sobre o club antes da súa chegada a Santiago. “Fixen a miña investigación e contáronme moitas cousas boas”, explicou Childress, que xa agarda con ganas o momento de coñecer de preto a afección obradoirista e vivir o ambiente do Fontes do Sar.

“Estou desexando xogar neste ambiente, sentir o apoio dos afeccionados e formar parte desta comunidade. Quero recibir moito cariño e devolvelo na pista”.

Clínica Baltar, comprometida co Monbus Obradoiro

A presentación de Brandon Childress contou coa colaboración de Clínica Baltar, entidade que mantén o seu compromiso co Monbus Obradoiro e que continúa acompañando o club como parte da súa rede de colaboradores. O seu apoio reforza o vínculo entre ambas as entidades e a súa aposta polo proxecto obradoirista.


Rolda de prensa completa na nosa canle oficial de YouTube.
Destacado