Fichaxe

Alonso Faure: “Xogar na ACB é un soño feito realidade”

Alonso Faure foi presentado este xoves como novo xogador do Monbus Obradoiro. O pivote alacantino, de 24 anos e 2,08 metros, chega a Santiago tras completar unha gran tempada en Oviedo, onde disputou 31 partidos con máis de 7 puntos e 5 rebotes de media. “Estou moi contento de poder dar o salto e xogar na ACB, ademais nun club como o Monbus Obradoiro e nunha cidade como Santiago”.

Formado nas categorías inferiores do Valencia Basket, Faure continuou a súa formación no baloncesto universitario estadounidense, unha etapa que lle axudou a medrar tanto a nivel persoal como deportivo. Tras alcanzar a Final Four de ascenso con Oviedo a pasada tempada, afronta agora o reto de debutar na máxima categoría. “Sempre soñas con ser xogador profesional e xogar na ACB, así que é como un soño feito realidade”, asegurou.

Sobre a súa achega ao equipo, o interior ten claro que pode ofrecer: “Dalo todo con enerxía e utilizar os meus talentos o mellor que poida: coller rebotes, correr a pista e xogar preto do aro”. Nas súas primeiras semanas como obradoirista, Faure tamén destacou a boa acollida do vestiario e do corpo técnico: “Desde o primeiro día todo o mundo me acolleu moi ben”.

Ademais, o novo xogador xa coñecía Santiago despois de realizar o Camiño xunto á súa familia. “Gustoume moito a cidade e creo que vou estar moi a gusto aquí”.

Cocinas SCHMIDT, xunto ao Monbus Obradoiro

A presentación de Alonso Faure tivo lugar en Cocinas SCHMIDT, colaborador do Monbus Obradoiro que continúa acompañando o club no seu regreso á Liga Endesa e compartindo a ilusión de gozar do mellor baloncesto en Santiago.


Rolda de prensa completa na nosa canle oficial de YouTube.
Destacado