Goran Huskić, primeiro reforzo interior do Monbus Obradoiro

Con 33 anos, Huskić achega unha ampla experiencia tanto no baloncesto español como en ligas internacionais. Iniciou a súa andaina en España co Delteco GBC, equipo co que debutou na ACB. Posteriormente, baixou á LEB Ouro para vestir a camisola do Huesca, antes de recalar no San Pablo Burgos, onde foi unha peza clave no ascenso á máxima categoría, permanecendo catro tempadas máis no club. Máis tarde, defendeu as cores do Retabet Bilbao na tempada 2020-21, e logo deu o salto ao baloncesto europeo co Syntainics MBC alemán e o Jonavos CBet lituano.

Hai dúas campañas regresou a España para apostar polo proxecto do Leyma Coruña, culminado co ascenso á ACB. Agora, en Santiago, contará con varios coñecidos destes últimos anos, o que, sen dúbida, lle facilitará a adaptación tanto á cidade como ao estilo de xogo que propón Epi.

Na pasada tempada na Liga Endesa, Huskić promedió 7,3 puntos, 5,1 rebotes e 2,8 asistencias por encontro. Un ano antes, en Primeira FEB, as súas cifras foron aínda máis destacadas: 11,1 puntos, 5,8 rebotes e 3,7 asistencias por partido.

Para o adestrador do Monbus Obradoiro, quen xa coincidiu con Huskić no vestiario da Coruña e de Burgos, achegará moita experiencia xa que é “coñecedor da categoría. Destaca pola súa capacidade de xerar puntos tanto en continuacións como dende o poste baixo e o poste alto. Gran visión de xogo acompañada dunha grande capacidade de pase. Ofreceranos a posibilidade de xogar con outros rexistros ofensivos máis alá do uso do bloqueo directo. Ademais, ten capacidade para sumar no rebote nos dous aros.”

Destacado