O Monbus Obradoiro pecha a incorporación de Aitor Etxeguren
O xogador vasco Aitor Etxeguren, de 22 anos e 2,06 metros de altura, destaca principalmente polo seu físico. Trátase dun xogador moi defensivo, con grandes aptitudes para o tapón e unha excelente lectura do xogo en situacións de pick&roll.
Etxeguren formouse nas categorías inferiores de Askartza Claret e Loiola Indautxu. Na tempada 2018/19 foi fichado polo Casademont Zaragoza, aínda que xogou no equipo filial. Con tan só 16 anos, debutou co primeiro equipo na Liga de Campións. Na campaña 2019/20 debutou na Liga ACB, participando en cinco partidos.
Na tempada 2020/21 foi cedido ao Cáceres Patrimonio da Humanidade e, máis tarde, xogou no Levitec Huesca, ambos na antiga LEB Ouro. Posteriormente continuou o seu desenvolvemento en diferentes equipos da Primeira FEB, gañando experiencia malia a súa mocidade.
A pasada tempada xogou no Amics Castelló, onde promediou 4 puntos, 2,9 rebotes e 0,7 asistencias por partido.
No seu palmarés destaca o título de MVP Nacional do Campionato de España de Seleccións Autonómicas, así como un quinto posto no Mundial U19 e o campionato de Europa U20 coa selección española.Epi, adestrador do Monbus Obradoiro, valora así a incorporación: “É un xogador con proxección, que xa competiu en varios equipos da liga a pesar da súa mocidade. Destaca polo seu esforzo defensivo, a súa capacidade para bloquear e o seu rendemento no rebote. É un xogador que desprende enerxía. No club confiamos moito no seu desenvolvemento, esperamos que se adapte rápido ao seu rol e que poida seguir medrando con nós”.