Noticia

Alonso Grela xogará cedido na Cultural e Deportiva Leonesa

Alonso Grela afrontará a vindeira tempada como xogador da Cultural e Deportiva Leonesa, onde competirá na Segunda FEB en calidade de cedido polo Monbus Obradoiro.

Esta cesión responde ao plan de desenvolvemento deseñado polo club para o novo base, que terá a oportunidade de asumir un papel protagonista nunha competición esixente e continuar coa súa progresión deportiva sumando minutos e experiencia.

Desde a súa chegada á canteira obradoirista en 2022, Grela amosou unha evolución constante, dando pasos adiante ata formar parte da dinámica do primeiro equipo. Agora, esta nova etapa suporá unha oportunidade para seguir medrando nun contexto competitivo que favorecerá a súa maduración como xogador.

O Monbus Obradoiro seguirá de preto a evolución de Alonso Grela durante esta tempada, convencido de que esta experiencia contribuirá de maneira significativa á súa formación e ao seu futuro dentro do club.

O club deséxalle a Alonso a maior das sortes nesta nova etapa en León e confía en que aproveite ao máximo esta oportunidade de crecemento tanto a nivel deportivo como persoal.

Destacado