Crónica

O Monbus Obradoiro volve á ACB con vitoria

O conxunto dirixido por Zan Tabak comezou o encontro con moito acerto dende o tiro exterior, obrigando a Diego Epifanio a solicitar tempo morto tras un parcial de 9-0. O MoraBanc Andorra non baixaba o ritmo e alcanzaba o ecuador do primeiro cuarto cunha vantaxe de 12 puntos (14-2). O Monbus Obradoiro reaccionaba tras os cambios introducidos dende o banco e conseguía reducir a diferenza ata os sete puntos (16-9). O primeiro asalto chegaba ao seu fin cos locais mantendo a súa vantaxe (27-14).


O segundo período mantiña unha dinámica similar nos seus primeiros compases, ata que, liderado por un bo Felipe dos Anjos baixo os aros, o Monbus Obradoiro volvía entrar no partido e obrigaba a Zan Tabak a reunir os seus xogadores no banco (29-22). Malia que o conxunto andorrano conseguía manter a súa renda, os de Diego Epifanio continuaban recortando distancias e situábanse a tan só dous puntos a falta de tres minutos para o descanso (39-38). Un minuto despois, a diferenza era dun só punto. Finalmente, ambos os equipos marchaban aos vestiarios cun 46-43.

Tras a volta ao xogo no Pavelló Toni Martí, ambos os conxuntos continuaban tanteándose con diferenzas reducidas, aínda que sempre co MoraBanc Andorra por diante (53-50). Superado o ecuador do terceiro cuarto, os locais volvían atopar unha renda de oito puntos (63-55). O Monbus Obradoiro non daba o seu brazo a torcer e continuaba traballando para manterse no partido. Os de Zan Tabak lograban conservar a súa vantaxe e afrontarían o último período cun 70-65 no marcador.


O Monbus Obradoiro saía con forza ao último cuarto e, transcorridos pouco menos de dous minutos, volvía situarse a tan só un punto dos locais (70-69), obrigando estes a deter o encontro para reestruturar o seu xogo. Na seguinte acción, un roubo defensivo remataba cun mate de Felipe dos Anjos que permitía aos galegos poñerse por diante por primeira vez no partido (70-71).


O encontro entraba nos seus minutos decisivos coa máxima igualdade, cun 74-74 a falta de cinco minutos. O Monbus Obradoiro conseguía tomar o mando do partido, aínda que sen lograr despegarse dun MoraBanc Andorra que seguía pelexando cada posesión. A falta de dous minutos e medio, a vantaxe obradoirista era de dous puntos (79-81). Nun final de máxima intensidade, o Monbus Obradoiro soubo xestionar os últimos compases para acabar levando unha traballada vitoria por 85-90.


Ficha técnica


85 – MoraBanc Andorra: L. Mutic (5), A. Best (9), R. Luz (0), C. Ortega* (6), O. Aquino (2), J. Akinjo* (11), A. Pustovyi* (10), K. Kuric (5), W. Iwundu* (12), K. Robertson* (15), L. Bottiroli (0), L. Radosevic (10).


90 – Monbus Obradoiro: B. Childress* (18), E. Abogidi (5), C. Agada (7), F. Dos Anjos (12), L. Meindl* (12), J. Soriano* (15), Y. Barrueta (11), D. Brito (0), S. Quintela (2), A. Barcello* (6), A. Faure (0), A. Galán (2).


Cuartos: 27-14, 46-43 // 70-65, 85-90.


Árbitros: Emilio Pérez Pizarro, Juan de Dios Oyón, Vicente Martínez.


Incidencias: Partido correspondente á primeira xornada da Liga Endesa disputado no Pavelló Toni Martí de Andorra.