Noticia

Leo Westermann, MVP Estrella Galicia de marzo

Os enfrontamentos ante Flexicar Fuenlabrada, Grupo Caesa Seguros CB Cartagena, HLA Alicante, Palmer Basket e Fibwi Mallorca deixaron tres candidatos propostos pola prensa local para facerse co galardón.

Finalmente, foron os afeccionados, a través das redes sociais, quen elixiron a Leo Westermann como o mellor xogador do mes, cun 71,9 % dos votos. En segundo lugar situouse Yunio Barrueta, cun 20,7 %, e na terceira posición quedou Alejandro Galán, cun 7,4 %.

Durante o acto de entrega, Westermann amosouse satisfeito por recibir o trofeo e afirmou que “foi un mes grandísimo para o club. Xoguei un baloncesto que me gustou grazas á axuda dos adestradores e do equipo”.

Respecto ao gran derbi disputado a pasada fin de semana, fixo fincapé no gran ambiente vivido: “As afeccións foron grandiosas. Foi parecido a un partido da Euroliga ou a un dos grandes derbis que xoguei cando estaba en Partizan ou Zalgiris. É un partido que todos os xogadores queren xogar”.

O Monbus Obradoiro é actualmente o único equipo de Primeira FEB que depende de si mesmo para quedar na primeira posición, aínda que o equipo é consciente de que “temos cinco partidos máis e o partido máis importante é o do venres. Ademais, aínda temos que xogar contra dous equipos cos que xa perdemos, Ourense e Cantabria. Estudiantes e Gipuzkoa son grandes equipos que o están a facer ben e tampouco é doado para Burgos xogar contra Tizona. Vai ser un final de tempada moi difícil e, como dixen, temos que ir partido a partido, día a día”.

Categorías