Crónica

A volta do baloncesto trae unha nova vitoria para o Monbus Obradoiro

O partido comezou de maneira inmellorable para Yunio Barrueta, que en apenas dous minutos conseguía sumar sete puntos para o seu equipo (5-7). Esa garra contaxiouse ao resto do equipo nos primeiros compases, vendo como alcanzaban o +6 (5-11). As seguintes posesións favoreceron ao Flexicar Fuenlabrada que, a base de triplas, se poñía por diante a metade do cuarto (15-14). Cos locais despregando o seu mellor baloncesto, Diogo Brito conseguía soster no partido aos galegos, que remaban cun -3 no marcador (22-19). Antes do final dos primeiros dez minutos, o Monbus Obradoiro retomaba a iniciativa, pero tras unha falta antideportiva pechaba o período cun 30-27.

No segundo cuarto os madrileños continuaron co seu bo facer desde a liña exterior. Cun 8 de 10 en triplas conseguían acadar a súa maior vantaxe ata o momento, +5 (38-33). Malia os intentos visitantes por devolver a igualdade, Díaz seguía anotando desde a liña de 6,75 e ampliaba a vantaxe para os seus, +7 (45-38). Os composteláns seguían intentándoo ata o punto de que Iñaki Martín víase obrigado a pedir tempo morto tras unha canastra de Leo Westermann que poñía o -1 visitante (46-45). Yunio Barrueta e Sergi Quintela, desde a liña de tiros libres, daban un resultado positivo para o Monbus Obradoiro cando os xogadores marchaban a vestiarios (46-48).

Volvía botar o balón e, na primeira posesión madrileña, regresaba a igualdade ao marcador. Porén, Alejandro Galán e Yunio Barrueta poñían o +5 para os galegos (48-53). O partido viuse ralentizado despois de que se sinalase unha falta antideportiva a Mateo Díaz e unha técnica a Alejandro Galán, que deixaba o marcador en 50-58. O xogo intenso local transformábase en tiros libres que os composteláns aproveitaban para obter a súa maior vantaxe, +11 (50-61). Co casilleiro local practicamente parado, Sergi Quintela e Felipe dos Anjos seguían apertando para aumentar a diferenza (50-65). O terceiro cuarto finalizaba cunha boa vantaxe visitante, 56-71.

Dous triplas consecutivas de Travis Munnings ao comezo do último asalto poñían un resultado moi cómodo para os de Diego Epifanio, +21 (56-77). Munnings non fallaba desde a liña exterior e, malia que os madrileños agora respondían con máis anotación, permitía que os visitantes continuasen cunha vantaxe de +16 a falta de catro minutos de xogo (71-87). Cunha diferenza de 16 puntos a falta dun minuto, a vitoria do Monbus Obradoiro era xa inevitable para o Flexicar Fuenlabrada. Así, os de Santiago de Compostela remataban levando a vitoria por 77-97.


Ficha técnica


77 – Flexicar Fuenlabrada: M. Díaz (16), V. Alves Benite (16), B. Vidarte Cano (0), D. Manchón Crespo (9), P. Rodríguez Pacual (0), D. Stolbetskiy (2), B. De Bisschop (10), P. Rigot (6), G. Renfroe (2), J. Belemene-Dzabatou (6), J. Kasibabu Shilala (10).


97 – Monbus Obradoiro: Denzel Andersson (7), Felipe dos Anjos (11), Leo Westermann (8), Alonso Grela (0), Dejan Kravic (3), Aitor Etxeguren (0), Travis Munnings (14), Yunio Barrueta (11), Diogo Brito (19), Sergi Quintela (8), Alex Barcello (5), Alejandro Galán (11).


Cuartos: 30-27, 46-48, 56-71, 77-97.


Árbitros: Antonio Manuel Zamora Rodríguez, Fernando Ibáñez García, Israel Chacón Blázquez.


Incidencias: Partido correspondente á vixésimo terceira xornada da Primeira FEB disputado no Pavillón Fernando Martín de Fuenlabrada.

Categorías
Destacado