O Monbus Obradoiro cae no seu primeiro partido de liga en Santiago

O encontro comezou con pouco acerto ofensivo e cos cántabros tomando vantaxe dende a liña de tres puntos. O Monbus Obradoiro tivo que remar para non quedar atrás. Coa lección aprendida, o primeiro cuarto chegou ao seu ecuador con empate a 10, grazas a dous espectaculares mates de Felipe dos Anjos. Nos minutos finais, as canastras comezaron a entrar para ambos conxuntos, pero os galegos, con cinco roubos de balón no período, conseguiron pechar o primeiro asalto ao seu favor (21-19).

No inicio do segundo cuarto, Powell adiantou aos visitantes cun triplo. Pouco despois, a afección local impulsou aos seus, e tras unha gran xogada ensaiada nun saque de banda, Felipe dos Anjos volveu afundir o aro por terceira vez para poñer o 26-24. Cunha boa defensa e dominio no rebote, o Monbus Obradoiro acadou a súa máxima vantaxe ata o momento (+8, 38-30). Porén, esa intensidade foilles faltando ao final do cuarto, permitindo a remontada visitante. A falta de 26 segundos, os de Cantabria puxéronse un arriba tras un triplo de J. Pérez (42-43), aínda que Felipe, dende o tiro libre, pechou a primeira metade con vantaxe mínima para os locais (43-41).

Tras o descanso, os cántabros saíron con forza e asinaron un parcial de 0-7. Sergi Quintela respondeu cun triplo e unha bandexa para devolver o empate (48-48), e pouco despois adiantou de novo aos composteláns (51-50). Non obstante, un novo parcial de 0-8 deu ao Grupo Alega Cantabria a súa máxima vantaxe ata ese momento (51-58). O empurrón visitante mantívose durante todo o cuarto, que rematou cun parcial de 12-25 e unha diferenza de 12 puntos (56-68).

No último período, os cántabros continuaron facendo dano dende o tiro libre, mentres que os intentos do Obradoiro non atopaban recompensa. Alex Barcello, cun triplo, e Denzel Andersson, cunha canastra de dous, levantaron o ánimo en Sar, pero a oito minutos do final os locais seguían nove puntos abaixo (61-70). A falta de tres minutos, a diferenza mantíñase (71-80), e malia os esforzos finais, o Grupo Alega Cantabria soubo administrar a vantaxe para levar a vitoria por 82-87.


">Ficha técnica

 

82 - Monbus Obradoiro: Yannick Pinas (0), Rodrigo Díaz (0), Denzel Andersson (5), Felipe dos Anjos (12), Leo Westermann (12), Alonso Grela (0), Aitor Etxeguren (0), Yunio Barrueta (9), Diogo Brito (2), Sergi Quintela (17), Alex Barcello (25), Alejandro Galán (0).

 

87 – Grupo Alega Cantabria: Jahnaughn Powell (13), Carlos Taboada (0), Samu Rodríguez (0), Bautista Lugarini (6), Germán Martínez (2), Jiahao Yu (4), Pablo Hernández (7), Jassel Pérez (30), Reginald Johnson Jr (15), Garmine Kande (10).

 

Cuartos: 21-19, 44-43, 56-68, 82-87.

 

Árbitros: Sandra Sánchez González, Josep María Olivares Bernabeu, Sergio del Val Nuño.

 

Incidencias: Partido correspondente á segunda xornada da Primeira FEB, disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela ante 3.995 espectadores.

Destacado