Crónica

O Monbus Obradoiro lévase a vitoria nun partido trampa

O partido comezou con Leo Westermann anotando baixo o aro, acción á que seguiu unha penetración de Alex Barcello na pintura (0-4). Melilla reaccionou aproveitando os erros ofensivos visitantes e, cun parcial de sete puntos consecutivos, púxose por diante (7-4). Un triplo de Yunio Barrueta devolveu a iniciativa aos galegos, pero dúas canastras dos melillenses permitíronlles recuperar a vantaxe (14-11). O encontro entrou entón nunha fase de máxima igualdade, cos dous equipos alternando canastras e o mando no marcador (17-15).

A 30 segundos do final do primeiro cuarto, o técnico local viuse obrigado a pedir tempo morto tras dúas canastras de Diogo Brito que situaban o +5 para os obradoiristas (19-24). O período concluíu con Sergi Quintela anotando sobre a bucina para establecer o 19-26.

No segundo cuarto, Melilla golpeou primeiro, pero Travis Munnings e Sergi Quintela responderon con rapidez (21-31). Varias boas accións consecutivas dos locais permitíronlles recortar diferenzas (27-31). Aínda que o Monbus Obradoiro chegou a acadar os oito puntos de vantaxe, o conxunto dirixido por Rafael Sanz volveu reaccionar ata situarse 37-39 a falta de dous minutos para o descanso. Felipe dos Anjos e, por partida dobre, Yunio Barrueta deron aire aos composteláns, que acadaron a súa máxima renda ata o momento (+11, 37-48). O encontro marchou ao descanso cun 40-48 no marcador.

Tras o paso polos vestiarios, apenas catro segundos despois de reanudarse o xogo, Alex Barcello anotou a primeira canastra para alcanzar a media centena de puntos. Ambos equipos imprimiron moito ritmo nos minutos seguintes, chegando ao 46-57 superado o ecuador do cuarto. Co 50-63 (+13), o partido entrou nunha fase de tres minutos sen anotación por parte de ningún dos dous conxuntos. No treito final do período tampouco se moveu en exceso o marcador e os composteláns fixeron valer a súa vantaxe para encarar o último cuarto cun +15 (54-69).

Melilla apertou nos primeiros compases do derradeiro asalto grazas a tres triplos consecutivos (63-71). A reacción obradoirista chegou da man de Leo Westermann, que cun triplo e unha acción de 3+1 devolveu a vantaxe aos trece puntos (66-79). O Monbus Obradoiro soubo administrar a renda e mesmo ampliala nos minutos finais, pechando o partido cunha convincente vitoria por 70-92.


Ficha técnica


70 – Melilla Ciudad del Deporte: J. Godspower (0), Javier Ezquerra (0), J. Bergstdt (2), Pablo Córdoba (4), Iván Cruz (9), Nathan Hoover (10), P. Krutous (0), Sergio Rodríguez (15), Christian Díaz (10), Michael Caicedo (17), Morgan Stilma (0), J. García (3).


92 – Monbus Obradoiro: Denzel Andersson (2), Felipe dos Anjos (9), Leo Westermann (17), Alonso Grela (0), Dejan Kravic (10), Aitor Etxeguren (0), Travis Munnings (12), Yunio Barrueta (16), Diogo Brito (5), Sergi Quintela (9), Alex Barcello (12), Alejandro Galán (0).


Cuartos: 19-26, 40-48, 54-69, 70-92.


Árbitros: Juan P. Morales Gª-Alcaide, Rodrigo Garvin Domingo, Alejandro Calvo Aceña.


Incidencias: Partido correspondente á vixésimo primeira xornada da Primeira FEB disputado no Pabellón Javier Imbroda Ortiz de Melilla.

Categorías
Destacado