Crónica

O Monbus Obradoiro e a súa afección volven a casa coa vitoria.

O partido comezou cun Monbus Obradoiro moi enchufado, en parte grazas ao apoio da afección picheleira desprazada ata terras castelanoleonesas. Denzel Andersson, Alex Barcello e Yunio Barrueta asinaban un primeiro parcial de 0-7, aínda que os locais reaccionaron para meterse no encontro (8-9). A metade do primeiro cuarto, tras dous tiros libres e unha canastra de Naspler, os zamoranos poñíanse por diante por primeira vez (12-11). O Caja Rural CB Zamora soubo manterse arriba e pechou o primeiro asalto cunha lixeira vantaxe (21-19).

Na primeira posesión do segundo cuarto, o conxunto visitante igualou o marcador grazas a unha bandeixa de Diogo Brito. Posteriormente, Dejan Kravic e Alejandro Galán devolvían a vantaxe aos galegos (21-25). Repitiuse o patrón de bo inicio de cuarto e, aproveitando varios ataques sen anotar do rival, os de Epi alcanzaban a súa máxima vantaxe ata o momento +12 (21-33). Os obradoiristas non levantaban o pé do acelerador e continuaban sumando en cada xogada, ampliando distancias. Yunio Barrueta, desde a liña de 6,75, colocaba o +22 (29-51). O encontro marchábase ao descanso cun resultado moi favorable para os composteláns (32-52).

O Caja Rural CB Zamora anotou primeiro tras o paso polos vestiarios. Cando parecía que os locais comezaban a despregar a súa mellor versión, unha técnica sinalada a Lo e un triple de Alex Barcello devolvían a vantaxe aos visitantes, +19 (39-58). A afección local empurraba aos seus, que con esforzo intentaban reducir diferenzas (53-67), pero Micah Speight achegou tranquilidade ao banco galego cun triple clave (53-70). Un bo último minuto permitiu ao Monbus Obradoiro afrontar o último periodo cun claro 56-76 a favor.

O último cuarto iniciou cun parcial de 6-0 para os locais, que se situaban a 14 puntos. De novo apareceu Micah Speight para, desde o perímetro, devolver a calma ao seu equipo (62-79). A varios minutos do final, o partido quedaba practicamente sentenciado. Con tres minutos por disputarse, o marcador reflectía un 66-88. As últimas posesións deixaron o resultado definitivo en 77-92. O Monbus Obradoiro e o seu case cento de afeccionados regresaron a Santiago de Compostela coa vitoria na maleta.


Ficha Técnica


77 – Caja Rural CB Zamora: T. Roberts (12), C. Rogers (9), J. Round (6), J. Peris Crespo (17), A. Martínez Clariana (14), D. Kristensen (0), O. Lo (3), T. Naspler Peraire (2), J. Van Zegeren (0), S. Thrastarson (8), J. Paukste (6), P. Montesdeoca Santana (0).


92 – Monbus Obradoiro: Micah Speight (8), Denzel Andersson (3), Felipe dos Anjos (10), Leo Westermann (10), Dejan Kravic (10), Aitor Etxeguren (0), Travis Munnings (2), Yunio Barrueta (10), Diogo Brito (6), Sergi Quintela (12), Alex Barcello (15), Alejandro Galán (6).


Cuartos: 21-19, 32-52, 56-76, 77-92.


Árbitros: Héctor Báez Batista, María de los Ángeles García Crespo, Carlos Gallego Rodríguez.


Incidencias: Partido correspondente á décimo novena xornada de Primeira FEB disputada no Pavillón Ángel Nieto de Zamora.

Categorías
Destacado