Crónica

Forza e coraxe para seguir sumando

O encontro comezou con algo de atraso tras a rotura dun dos aros durante o quecemento do conxunto visitante. A primeira canastra foi favorable ao Monbus Obradoiro, pero o Hestia Menorca respondeu rapidamente con dous triplos consecutivos (2-6). O equipo visitante comezou a collerlle gusto ao tiro exterior e logrou despegarse ata os once puntos de vantaxe (5-16). Os baleares mantiveron a distancia ata que, a dous minutos do final do primeiro cuarto, os composteláns apertaron e, cun parcial de 9-0, pecharon o período cun axustado 19-22.

No segundo cuarto, o Hestia Menorca volveu sacar a artillaría para recuperar a vantaxe, chegando a acadar un +8 (23-31). Porén, os de Epi reaccionaron de novo e, a metade do período, colocáronse a tan só dous puntos (29-31). Houbo que agardar a pouco máis de tres minutos para o descanso para que Felipe dos Anjos, desde a liña de tiros libres, puxese o empate no marcador (35-35). Pouco despois, o brasileiro colgouse do aro do Fontes do Sar para adiantar aos seus (39-38). Con todo, un triplo sobre a bucina de Sola deixou o 42-47 ao descanso.

Antes de que o balón volvese botar en Sar, os visitantes dispuxeron dun tiro libre tras unha técnica sinalada a Epi cando os xogadores xa se dirixían aos vestiarios. Nos primeiros compases do terceiro cuarto, ambos os equipos tanteábanse, co Hestia Menorca manténdose por diante (50-58). Malia os intentos locais por igualar a contenda, os menorquinos aproveitaron o seu 52 % de acerto en triplos para seguir liderando o marcador (57-64). Un Micah Speight estratosférico volveu poñer ao Monbus Obradoiro por diante a falta de 25 segundos para o final do cuarto. Unha posterior penetración visitante e a anulación dunha canastra de Diogo Brito sobre a bucina deixaron o marcador en 66-67 a falta de dez minutos para o final.

Nada máis comezar o último cuarto, Denzel Andersson puxo o +1 local, aínda que os visitantes reaccionaron con rapidez (68-69). Nos momentos de maior tensión e igualdade apareceu de novo Micah Speight, que, xunto a dúas canastras de Diogo Brito, levou ao Obradoiro á súa máxima vantaxe ata ese momento (+7, 76-69). A menos de dous minutos para o final, a vitoria seguía no aire, con só dous puntos separando a ambos os equipos (76-74). Nos últimos segundos, dous tiros libres deixaron o encontro empatado e forzaron a prórroga (76-76).

Os cinco minutos extra estiveron marcados polos nervios e a intensidade. O Hestia Menorca tomou primeiro a dianteira, acadando unha renda de tres puntos a falta de tres minutos e medio (78-81). Porén, con menos de tres minutos por xogarse, os composteláns déronlle a volta ao marcador grazas a un triplo e un tiro libre de Micah, ademais de dous tiros libres de Alejandro Galán (86-82). A dous minutos do final, Alex Barcello ampliou a vantaxe tras dúas técnicas consecutivas que supuxeron a expulsión de Javier Zamora (89-82). Micah e Barcello marcaron o ritmo no treito final, acadando unha diferenza de dez puntos a falta dun minuto, practicamente definitiva (94-84). O encontro pechouse con dous triplos consecutivos de Micah que deixaron o marcador final en 100-86.


Ficha técnica


100 – Monbus Obradoiro: Micah Speight (31), Denzel Andersson (7), Felipe dos Anjos (13), Leo Westermann (3), Dejan Kravic (4), Aitor Etxeguren (0), Travis Munnings (3), Yunio Barrueta (12), Diogo Brito (10), Sergi Quintela (2), Alex Barcello (12), Alejandro Galán (3).


86 – Hestia Menorca: Edgar Vicedo (14), Jalen Cone (0), Nico Galette (0), Fynn Schott (0), Fernando Zurbriggen (18), Spencer Littleson (6), Jaume Lobo (11), Pol Molins (0), Thad McFadden (17), Emmanuel Wembi (11), Adams Sola (6), Víctor Arteaga (3).


Cuartos: 19-22, 42-47, 66-67, 76-76, 100-86.


Árbitros: Enrique López Herrada, Jaime Gómez Luque, Nicolás Murillo Khon.


Incidencias: Partido correspondente á vixésima xornada de Primeira FEB disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela ante 4.179 espectadores.

Categorías
Destacado