O Monbus Obradoiro consegue o pase a oitavos da Copa España

Tras o salto inicial, Álex Barcello converteuse no primeiro e único anotador do Monbus Obradoiro nas primeiras accións. A pesar de comezar por detrás, os galegos déronlle a volta ao marcador ata o 2-5. Oviedo igualou (8-8), pero Barcello, cun pleno de 3/3 en triplas, deu aire aos visitantes (11-16).

A eficacia obradoirista en ataque daba froitos. Os de Diego Epifanio escapaban a +13 (15-28). O primeiro cuarto semellaba sentenciado cando os asturianos comezaron a recurtar. Un triplo de Hermanson sobre a bucina deixou o 27-32 ao final do período.

O segundo cuarto arrincou cun bo parcial visitante, deixando o marcador local a cero durante dous minutos e medio (27-36). Alimerka Oviedo reaccionou con dous tapóns consecutivos e dúas canastras para achegarse a 2 (36-38). A dous minutos e medio do descanso, Yunio Barrueta culminaba unha avalancha obradoirista que obrigaba a pedir tempo morto. O cuarto rematou con 42-53 para os galegos.

No terceiro cuarto tardaron en chegar os puntos ata que Sergi Quintela abriu a conta. A vantaxe obtida na primeira metade quedou reducida a 8 puntos no ecuador do período (52-60). A base de esforzo, os locais exprimían as súas posesións e colocábanse a só un punto a falta dun minuto (62-63). Ninguén volveu anotar e o partido quedaba aberto para os últimos dez minutos.

Ao minuto do derradeiro cuarto, os asturianos púxose por diante desde o triplo, algo que non acontecía dende o primeiro período. Impulsados pola súa afección, chegaron á súa máxima vantaxe: +8 (71-63). Pero o Obradoiro reaccionou cun parcial de 0-7 que devolvía a emoción ao Palacio dos Deportes. A catro minutos do final só un punto separaba a ambos (71-70). Pouco despois, Leo Westermann empatou desde o tiro libre e, após capturar o rebote do seu propio tiro, puxo aos galegos por diante.

O Obradoiro soubo manexar mellor os minutos finais e levou a vitoria por 76-82, logrando así o pase a oitavos da Copa España, que se disputarán en novembro.


Ficha técnica


76 – Alimerka Oviedo: Marques Townes (20), Alonso Faure (7), Gregory Parham (2), Federico (0), Daniil Shelist (5), Calvin Hermanson (14), Francis Nwaokorie (15), Robert Cosialls (5), Jorge Arias (6), Raúl Lobaco (2).


82 – Monbus Obradoiro: Denzel Andersson (7), Felipe dos Anjos (15), Leo Westermann (5), Alonso Grela (2), Dejan Kravic (0), Aitor Etxeguren (4), Yunio Barrueta (12), Diogo Brito (2), Sergi Quintela (17), Álex Barcello (16), Olle Lundqvist (0), Alejandro Galán (2).


Cuartos: 27-32, 42-53, 62-63, 76-82.


Árbitros: Jesús Marcos Martínez Prada, Francisco González Cuervo, Unai Sánchez Núñez.


Incidencias: Partido correspondente aos dezaseisavos da Copa España disputado no Palacio dos Deportes de Oviedo.

Destacado